O Concello de Silleda adhírese á Rede de Concellos contra o acoso escolar para reforzar a prevención e a intervención fronte ao bullying

A Xunta de Goberno Local do Concello de Silleda vén de aprobar a adhesión ao convenio de colaboración para o desenvolvemento da Rede de Concellos contra o acoso escolar, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), que busca reforzar a coordinación institucional na loita contra o bullying.

Este convenio, establece un marco de colaboración entre administracións co obxectivo de impulsar medidas conxuntas de prevención, detección e intervención ante situacións de acoso escolar, así como fomentar unha cultura baseada no respecto, a convivencia e o benestar emocional da infancia e da mocidade.

A través desta adhesión, o Concello de Silleda dá un paso máis no seu compromiso coa protección dos nenos, nenas e adolescentes, entendendo que o acoso escolar é unha realidade complexa que require dunha resposta coordinada, continuada e implicando a toda a comunidade educativa: centros, familias, profesorado, administracións e tecido social.

A participación nesta rede permitirá ao Concello acceder a recursos, programas formativos e accións de sensibilización, así como compartir experiencias e boas prácticas con outros municipios galegos, co obxectivo de mellorar a capacidade de resposta ante posibles casos e, sobre todo, de avanzar na súa prevención .

Ademais, esta adhesión abre a porta ao desenvolvemento de iniciativas específicas a nivel local, adaptadas á realidade do municipio, que poderán incluír campañas de concienciación, actividades educativas e ferramentas de apoio para a detección temperá de situacións de risco.

Dende o goberno municipal sublíñase a importancia de seguir traballando de maneira activa na creación de espazos seguros para a infancia e a adolescencia. “Temos claro que a prevención é clave e que hai que estar ao lado dos nosos nenos e nenas, acompañándoos e dándolles ferramentas”, sinala a alcaldea, Paula Fernández