Silleda, 17 de outubro de 2014. O programa Coeducamos, promovido pola Concellería de Igualdade e Benestar de Silleda, volta nas vindeiras semanas coa finalidade de afianzar no ensino e na familia os valores os valores e prácticas coeducativas.
A iniciativa comezará coa actividade “Os saberes diarios”, un obradoiro de cociña para nenos/as e adolescentes que obtivo un gran éxito nos últimos anos. Romper cos roles asignados a mulleres e homes pola sociedade, sensibilizar pola educación en igualdade, fomentar a idea de que as tarefas domésticas no son cousa de mulleres senón de persoas, mellorar a calidade nutricional de nenas e nenos a través da educación e conciencialas sobre a importancia de adquirir hábitos saudables, constitúen o obxectivo desta actuación.
A proposta, coordinada dende o Centro de Información á Muller (CIM,) de Silleda, consiste en sensibilizar a nenas e nenos, mozas e mozos cara aos alimentos e nosa cultura gastronómica. Haberá dous grupos de idade: de 4 a 11 e de 12 a 17 anos.
“As/os máis pequenas/os descubrirán o que comen e realizarán todo o proceso da receita, coa orientación das/os monitoras/es, escoitarán historias sobre a orixe dos alimentos, probarán produtos.. ..Cada unha/un levará a súa casa o que realizou así, esta vez, os proxenitores comerán o que elas/eles cociñaron. As/os adolescentes empezarán a ser independentes na cociña porque é unha necesidade”, explican dende o CIM.
O prazo para participar está aberto dende o vindeiro luns día 20 ata o venres 24. Estes obradoiros son totalmente gratuitos e para anotarse as inscricións poden facerse no Centro Social ou chamando ao 986 592037.
O programa Coeducamos contará tamén con outras actividades para o fomento de prácticas coeducativas.