O Concello de Silleda remata as obras de mellora do centro social de Abades e iniciará novos traballos en outros catro locais do rural

 

  • A actuación xa executada en Abades e en Breixa e as previstas en Lamela, Piñeiro, Moalde e Curro enmárcanse na Liña 1 do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra
  • A alcaldesa visitou o resultado dos traballos en Abades xunto con membros da directiva da Asociación A Costa de Abades

Silleda, 4 de abril de 2026. O Concello de Silleda vén de rematar as obras de mellora e ampliación do baño no centro social de Abades, unha actuación financiada con cargo á Liña 1 do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra, e continúa avanzando ao mesmo tempo na mellora doutros espazos comunitarios do rural, coa actuación recente en Breixa e a  próxima posta en marcha de novas intervencións nos centros sociais de Lamela, Piñeiro, Moalde e Curro, na parroquia de Cira.

No caso de Abades, os traballos permitiron acometer a reforma e acondicionamento interior do centro social , incluíndo a ampliación do baño existente para adaptalo e facelo accesible, ademais doutras melloras recollidas no proxecto técnico. Esta ampliación implicou tamén a reordenación doutros espazos interiores como a cociña do centro, onde se renovou o alicatado da mesma. A actuación foi adxudicada á empresa Construcciones Míguez Xestoso S.L. por un importe de 22.048,08 euros, IVE incluído.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, visitou o centro social de Abades acompañada por membros da directiva da Asociación A Costa de Abades, cos que puido comprobar o resultado final dunha intervención que mellora de maneira notable a funcionalidade e accesibilidade dun espazo moi empregado pola veciñanza.

Fernández sinalou que “seguir mellorando os centros sociais das parroquias é unha prioridade, porque falamos de espazos fundamentais para a convivencia, para a participación veciñal e para manter viva a actividade comunitaria no rural”. A rexedora engadiu que “no caso de Abades acometeuse unha actuación moi necesaria, que permite gañar en accesibilidade e comodidade nun local moi utilizado, respondendo así a unha demanda importante da veciñanza”.

A actuación de Abades súmase á realizada tamén nos aseos da parroquia de Breixa, no marco de actuacións que facilitan a accesibilidade a espazos públicos, adaptándose a todas as necesidades.

A alcaldesa puxo tamén en valor o esforzo que se está a realizar para actuar en distintos puntos do municipio, indicando que “o noso obxectivo é continuar mellorando os equipamentos municipais de maneira planificada, atendendo necesidades reais e chegando a distintas parroquias con investimentos que redundan directamente na calidade de vida da xente”.

Próximas actuacións

Nesa liña, nos próximos días iniciaranse tamén as obras de mellora nos centros sociais de Piñeiro, Lamela, Curro e Moalde, adxudicadas á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos S.L.U. por un importe total de 54.054,42 euros, tamén con cargo á Liña 1 do Plan Máis Provincia. Estas actuacións permitirán seguir avanzando na posta ao día doutros catro espazos clave para a vida social e comunitaria do rural.

En Piñeiro está prevista a revisión da cuberta, o pintado da cociña, a substitución do quentador e a renovación das carpinterías exteriores. En Lamela acometerase a reorganización dos aseos para mellorar a accesibilidade, así como a adecuación da cociña con pintado, falso teito e novo mobiliario. No local social de Curro realizaranse traballos de colocación de tella na cuberta, pintado xeral e reparación da balaustrada da parcela, mentres que en Moalde as actuacións se centrarán na conservación das fachadas e na revisión da cuberta.

Paula Fernández destacou que “os centros sociais son moito máis ca edificios: son puntos de encontro, espazos de convivencia e lugares onde se desenvolve boa parte da vida comunitaria das parroquias, e por iso é fundamental que estean en boas condicións e adaptados ás necesidades actuais”. Ademais, subliñou que “mellorar os equipamentos do rural é tamén apostar pola igualdade entre territorios e por ofrecer servizos e espazos dignos en todo o municipio”.

O goberno municipal enmarca estas actuacións na súa folla de ruta para continuar mellorando infraestruturas e servizos públicos tanto no casco urbano como no rural, cunha atención especial aos espazos de uso comunitario, esenciais para reforzar a cohesión social e a dinamización veciñal.