A XUNTA CONCEDE AO CONCELLO DE SILLEDA UNHA SUBVENCIÓN DE CASE 34.000 EUROS PARA REFORZAR O COIDADO DOS ESPAZOS NATURAIS E FORESTAIS HISTÓRICOS

 

  • A axuda permitirá a contratación de dúas persoas desempregadas durante nove meses para traballos de acondicionamento, limpeza e atención nestes ámbitos do municipio

Silleda, 23 de abril de 2026. O Concello de Silleda vén de recibir unha subvención da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración por importe de 33.910,06 euros ao abeiro do programa de fomento do emprego no medio rural Galicia Suma Talento: Rural Activo, unha convocatoria dirixida a impulsar a contratación de persoas desempregadas para a realización de obras e servizos de interese xeral e social no ámbito rural.

A resolución concedida ao Concello permitirá a contratación de dúas persoas traballadoras desempregadas, coa categoría de peón forestal, durante un período de nove meses e a xornada completa, para desenvolver o proxecto denominado “Equipo para acondicionamento, limpeza e atención dos espazos naturais e forestais históricos”.

Con esta achega, o goberno municipal reforzará as tarefas de mantemento e posta en valor de espazos de especial relevancia ambiental, paisaxística e patrimonial do termo municipal, ao tempo que contribúe á creación de oportunidades laborais para persoas desempregadas. Trátase, así, dunha actuación que combina dous obxectivos prioritarios para o Concello: o coidado do territorio e a promoción do emprego.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, salienta a importancia desta resolución “porque nos permite seguir actuando sobre espazos naturais e forestais de grande valor para o noso municipio, ao tempo que ofrecemos unha oportunidade laboral a dúas persoas desempregadas”. A rexedora engade que “é unha liña de axudas moi útil para os concellos do rural, porque contribúe a mellorar servizos e a reforzar o coidado do noso entorno con recursos que reverten directamente na veciñanza”.

O Concello de Silleda continúa así aproveitando as distintas convocatorias doutras administracións para captar fondos que permitan ampliar servizos, mellorar o espazo público e seguir avanzando na protección e conservación do patrimonio natural do municipio.