- A iniciativa, promovida desde Benestar Social a través do SEAF, leva a intervención socioeducativa ao ámbito escolar para previr situacións de risco, reforzar o benestar emocional da mocidade e implicar ás familias
Silleda, 19 de maio de 2026. O Concello de Silleda está a desenvolver, a través da área de Benestar Social, concretamente no Servizo de Educación e Apoio Familiar, o programa “Maré de Cambio: do conflito ao vínculo”, unha iniciativa de intervención socioeducativa que busca mellorar a convivencia nos centros educativos, previr situacións de risco entre a mocidade e reforzar a coordinación entre alumnado, familias, comunidade educativa e Servizos Sociais municipais.
O programa, iniciado no presente curso escolar 2025-2026, nace tras a detección de diferentes necesidades relacionadas coa convivencia, a desmotivación académica, o absentismo, a xestión emocional e determinadas condutas de risco. A intervención continuará tamén durante o período estival, coa previsión de manter o seguimento ata o mes de agosto.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, destaca que esta iniciativa “amosa unha forma de entender os Servizos Sociais desde a prevención, a proximidade e o acompañamento real”. Segundo sinala, “non podemos actuar só cando os problemas xa están enquistados; temos que estar onde están os rapaces e rapazas, escoitar o que lles pasa e traballar con eles, coas súas familias e cos equipos educativos para reconstruír vínculos”.
Un dos aspectos máis destacados de “Maré de Cambio” é que a intervención sae do despacho e achégase directamente ao espazo no que se desenvolve boa parte da vida da mocidade: os centros educativos. Deste xeito, créanse espazos de traballo individualizado, próximos e seguros, nos que o alumnado pode abordar dificultades persoais, emocionais, familiares ou relacionais sen sentirse estigmatizado.
O programa inclúe entrevistas individuais, dinámicas de educación emocional, traballo en habilidades sociais, resolución de conflitos, xogo terapéutico, acompañamento en situacións de expulsión, apoio na toma de conciencia sobre determinadas condutas e seguimento continuado de cada caso. Cada intervención parte dunha análise personalizada da realidade de cada alumno ou alumna, tendo en conta tanto os factores de risco como as súas fortalezas e potencialidades.
Entre os obxectivos principais figuran a redución de condutas disruptivas ou de risco, a mellora do clima de convivencia, a detección temperá de situacións de vulnerabilidade, o reforzo da autoestima e da autonomía persoal, a prevención do absentismo e o fortalecemento da relación entre familia, escola e Servizos Sociais.
Desde Benestar Social sublíñase que o proxecto permitiu xa observar unha evolución positiva, tanto na redución da conflitividade como na maior implicación das familias e na mellora da autoxestión emocional do alumnado participante. Tamén se aprecia unha maior vinculación co sistema educativo e unha coordinación máis fluída entre os distintos axentes implicados.
A iniciativa conta cunha metodoloxía activa, participativa e centrada na persoa. O alumnado deixa de ser unicamente receptor de medidas correctoras para converterse en protagonista do seu propio proceso de cambio. O obxectivo non é só corrixir condutas puntuais, senón comprender que hai detrás delas, ofrecer ferramentas e xerar unha resposta coordinada que teña continuidade no tempo.
Neste sentido, o Concello está a traballar de maneira coordinada cos equipos educativos, as familias, a Policía Local, o ámbito sanitario e outros organismos cando a situación o require. Esta rede de colaboración permite abordar realidades complexas desde diferentes ámbitos, sen perder de vista que o centro da intervención son os e as menores.
Paula Fernández Pena incide en que “falar de Benestar Social tamén é falar de adolescencia, de convivencia, de saúde emocional e de oportunidades”. A rexedora engade que “cada conflito que se consegue reconducir, cada familia que se implica máis e cada rapaz ou rapaza que volve conectar co seu proceso educativo é unha pequena vitoria colectiva”.
O Concello de Silleda valora especialmente o traballo técnico desenvolvido desde o Servizo de Educación e Apoio Familiar e a colaboración dos centros educativos, ao tempo que aposta por dar continuidade a esta liña de intervención preventiva e comunitaria.
