Silleda colabora con Arela na difusión do programa Convive COMigo para buscar familias acolledoras de adolescentes

 

  • A entidade mantivo un encontro coa concelleira de Benestar e Educación, Ángela Troitiño, e con persoal de Servizos Sociais para dar a coñecer esta iniciativa financiada pola Xunta de Galicia
  • programa procura persoas ou familias dispostas a convivir temporalmente con mozos e mozas que, por resolución xudicial, precisan un fogar alternativo

Silleda, 21 de maio de 2026. O Concello de Silleda colaborará coa Asociación Arela na difusión do programa Convive COMigo, unha iniciativa financiada pola Xunta de Galicia que busca persoas ou familias dispostas a acoller temporalmente adolescentes que, por resolución xudicial, deben convivir cun grupo familiar distinto ao seu.

A representante da Asociación Arela, Eva Piñeiro, mantivo un encontro institucional no Concello de Silleda coa concelleira de Benestar e Educación, Ángela Troitiño, e con persoal de Servizos Sociais, co obxectivo de reforzar a colaboración municipal na difusión deste programa e achegalo á veciñanza de Silleda.

Convive COMigo vai máis alá dunha alternativa residencial. O seu obxectivo é ofrecer aos mozos e mozas participantes unha contorna de convivencia estable, próxima e normalizada nun momento especialmente delicado das súas vidas. A través desta experiencia, as persoas ou familias acolledoras convértense en referentes positivos e ofrecen un espazo real de aprendizaxe vital, capaz de marcar un antes e un despois na traxectoria destes adolescentes.

Dende o Concello de Silleda valorouse moi positivamente esta iniciativa, destacando a importancia de implicar á comunidade na resposta á adolescencia en situación de conflito social.

A concelleira de Benestar e Educación, Ángela Troitiño, sinala que “este programa pon o foco nunha idea moi poderosa: ás veces, ofrecer un fogar, estabilidade e referentes positivos nun momento determinado pode transformar a vida dun mozo ou dunha moza”. Troitiño destaca ademais que “dende o Concello queremos contribuír a dar a coñecer esta iniciativa entre a veciñanza, porque Silleda sempre demostrou ser un municipio solidario, sensible e comprometido coas persoas”.

A edil engade que “as familias ou persoas que participen neste programa non estarán soas, xa que contarán con formación, valoración previa e acompañamento profesional durante todo o proceso”. Neste sentido, subliña que “non se trata só de abrir a porta dunha casa, senón de ofrecer unha oportunidade, un vínculo e unha contorna segura nunha etapa clave da vida”.

Formación, acompañamento e compensación económica

O programa Convive COMigo garante ás persoas e familias participantes formación e valoración previa, así como acompañamento continuo por parte dun equipo profesional especializado. Ademais, contempla unha compensación económica para facilitar que as familias poidan asumir este compromiso temporal.

Arela fai un chamamento a persoas con sensibilidade social, estabilidade e disposición para implicarse nunha experiencia que, aínda sendo temporal, pode ter un impacto profundo na vida dos adolescentes participantes.

As persoas interesadas en recibir máis información poden contactar co programa a través do correo electrónico convive@arela.org ou no teléfono 604 038 672.

A Asociación Arela ten como misión o desenvolvemento integral da infancia e da mocidade de Galicia en risco de exclusión, en situación de desprotección ou en conflito social. A entidade promove iniciativas de intervención e prevención de calidade, normalizadoras e comprometidas coa xustiza social. Na actualidade conta con 10 centros vinculados ao sistema de protección e ao sistema de conflito penal xuvenil.