- Os traballos de limpeza e posta a punto xa comezaron no recinto da Bandeira e continuarán nos vindeiros días nas instalacións de Silleda
- Os bonos para toda a tempada poranse á venda a partir do luns 22
Silleda, 8 de xuño de 2026. O Concello de Silleda está xa a traballar na posta a punto das piscinas municipais de cara ao inicio da tempada de verán. Como vén sendo habitual, está previsto que tanto as instalacións da Bandeira como as de Silleda abran ao público o vindeiro 1 de xullo.
Os labores de limpeza e acondicionamento comezaron xa no recinto da Bandeira e continuarán nos próximos días nas piscinas municipais de Silleda. Estes traballos inclúen a revisión e preparación xeral das instalacións, zonas verdes, accesos e demais elementos necesarios para garantir que os recintos estean en condicións axeitadas para recibir ás persoas usuarias.
No caso da seguridade, hoxe mesmo vén de adxudicarse o contrato á empresa Top Rescue S.L. , que se encargará do servizo de vixilancia, rescate e salvamento durante os meses de xullo e agosto. O servizo contará con tres socorristas, dando así cobertura ás dúas instalacións municipais durante o período de apertura.
Esta contratación realízase logo da concesión dunha subvención ao Concello de Silleda ao abeiro da resolución do 28 de abril de 2026, pola que se fixeron públicas as axudas concedidas pola Xunta de Galicia para a prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento en espazos acuáticos naturais e instalacións acuáticas descubertas para os municipios.
Así mesmo, o Concello informa de que a partir do luns 22 se porán á venda os bonos para toda a tempada, que permitirán ás persoas usuarias acceder ás piscinas municipais durante os meses de apertura.
Dende o Concello lembran que as piscinas municipais constitúen cada verán un dos principais espazos de lecer para a veciñanza, especialmente para a rapazada e as familias.
Cursos de natación
Por outra banda, dende o Concello de Silleda ofertaránse cursos de natación. De igual modo, o prazo para inscribirse abrirase o día 1, nas propias instalación de Silleda e da Bandeira. As persoas interesadas deberán anotarse seguindo as indicacións do persoal de socorrismo.
Nos vindeiros días irase dando información detallada de todos os servizos relacionados cas piscinas.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, sinala que “estas instalacións son espazos de convivencia e lecer que contribúen a dinamizar o verán no municipio, ofrecendo unha alternativa saudable e accesible para a veciñanza”.
