A 36ª Romaría da Rapazada encherá Siador de xogos, deporte, música, obradoiros e actividades para toda a familia

  • A cita celebrarase o sábado 20 de xuño, de 11:00 a 21:00 horas, cun programa que inclúe a V Carreira de Orientación de Silleda, espectáculos, inchables, sorteos e festa da escuma
  • Concello habilitará un tren turístico con saídas dende o parque das Pedrosas para facilitar o desprazamento ata Siador

Silleda, 11 de xuño de 2026. O Concello de Silleda celebrará o vindeiro sábado 20 de xuño a 36ª edición da Romaría da Rapazada, unha das citas máis queridas e consolidadas do calendario infantil e familiar do municipio. A programación desenvolverase en Siador, entre as 11:00 e as 21:00 horas, cunha xornada chea de propostas lúdicas, deportivas, culturais e participativas para todas as idades.

Cos seres fantásticos como temática de fondo, esta nova edición convida ás familias a gozar dun día completo de convivencia ao aire libre, nunha contorna natural e festiva. Para facilitar o desprazamento ata Siador, o Concello habilitará un tren turístico con saídas dende o parque das Pedrosas e horarios que se anunciarán nos vindeiros días. As prazas serán limitadas.

A alcaldesa, Paula Fernández, que hoxe presentou o programa xunto coa concelleira de Cultura, Mónica González, e a concelleira de Educación, Ángela Troitiño, destaca que a Romaría da Rapazada “é unha das actividades máis especiais do ano, porque combina xogo, natureza, convivencia e participación das familias”. “Falamos dunha cita que mudou co tempo, pero que mantén intacta a súa esencia: ofrecer á rapazada un día para desfrutar, descubrir, compartir e vivir experiencias diferentes nun ambiente seguro e festivo”, sinala.

Pena agradece tamén a implicación das entidades colaboradoras, “que fan posible unha programación moi variada e pensada para distintos gustos e idades”. “A Romaría é tamén un exemplo de traballo en rede, coa participación de colectivos, asociacións e entidades que se suman para facer deste día unha verdadeira festa da rapazada”, engade.

A xornada comezará ás 11:00 horas coa V Carreira de Orientación de Silleda, organizada en colaboración con Xesta Natureza. A proba consistirá en visitar no menor tempo posible as balizas establecidas seguindo a orde indicada no mapa. As inscricións poden realizarse a través da web xestanatureza.com e poderán participar equipos de ata seis persoas.

A carreira contará con tres categorías: Xestiñas, pensada para nenos e nenas, cun percorrido sinxelo física e tecnicamente de menos de 3 quilómetros; Xestas, para persoas adultas, cun nivel físico e técnico medio e menos de 4 quilómetros; e Xesteiras, dirixida a participantes con coñecementos medios ou altos de orientación, cun nivel físico e técnico alto e máis de 5 quilómetros. As saídas serán escalonadas e a organización facilitará unha tarxeta electrónica para rexistrar o paso por cada baliza.

Durante toda a mañá e boa parte da tarde, de 11:00 a 19:00 horas, haberá tamén punto de información, servizo de bebidas a cargo da Asociación Veciñal de Carboeiro,  zona de aparcadoiro de balde e unha exhibición de tractores do Museo do Campo e da Mecanización.

Ás 13:45 horas chegará unha das primeiras propostas escénicas da xornada, co Trío Detrés, que ofrecerá unha actuación de música e espectáculo. Ás 14:30 horas farase unha pausa para xantar na carballeira, mantendo así o espírito tradicional de romaría e convivencia familiar ao aire libre.

A programación retomarase pola tarde cun amplo abano de actividades entre as 16:00 e as 19:00 horas. Haberá xogos, inchables e propostas deportivas como petanca, coa participación do Clube de Petanca de Bandeira; gran xogo da oca baixo o título “De-construíndonos; tiro con arco; tobogán de auga; rocódromo; castelo máxico e xadrez.

 

 

Obradoiros, espectáculo final, sorteos e festa da escuma

Ás 17:00 horas desenvolverase ademais un obradoiro de esgrima con Compostela Esgrima e o Xogo dos contos ao revés, unha proposta orientada a romper estereotipos fantásticos a través do xogo e da creatividade.

Os obradoiros ocuparán tamén un lugar destacado na programación. A ANPA Raparigos participará co espazo O Reino Fantástico, que incluirá propostas como O Bosque Encantado, con coroas de flores e variñas máxicas, e A Montaña dos Dragóns, con dragóns botalumes e máscaras de dragón.

Tamén haberá actividades con Aupa Deza, como a Fada das Flores, ademais de chapas, pintacaras e un obradoiro de rol exprés con Dezamerón, con propostas vencelladas a Dungeons & Dragons e pintado de miniaturas.

A partir das 19:00 horas chegará o momento dos sorteos baixo o lema “Participar na Romaría ten premio!”. As persoas asistentes poderán achegarse ao posto de información para conseguir un número para o sorteo, participar na carreira de orientación e pasar polo máximo número de actividades para entrar nos premios.

A recta final da xornada contará con máis espectáculos e animación, coa participación de Máis que Danza, o espectáculo Távole de Circo Txosco e a tradicional festa da escuma final, para a que se recomenda levar calzado pechado, gafas de piscina e roupa seca para cambiarse.

Dende o Concello recoméndase ás familias acudir con gorra e protector solar para pasar unha xornada divertida e segura. Tamén se lembra a importancia de achegarse ao punto de información ao chegar a Siador para coñecer a distribución das actividades e resolver calquera dúbida.

A 36ª Romaría da Rapazada preséntase así como unha xornada pensada para gozar en familia, fomentar a convivencia, promover o xogo ao aire libre e seguir reforzando unha das tradicións máis participativas e entrañables da programación municipal de Silleda.