En marcha as obras para  converter a antiga escola de Cortegada nun Centro TIC do rural

 

  • A alcaldesa, Paula Fernández Pena, supervisou os traballos desta actuación, financiada ao 90% con fondos LEADER, que permitirá recuperar o inmoble para novos usos sociais e tecnolóxicos

Silleda, 3 de xullo de 2026.- O Concello de Silleda vén de iniciar as obras de acondicionamento da antiga escola de Cortegada, que será transformada nun Centro TIC do rural. A alcaldesa, Paula Fernández Pena, supervisou o comezo dos traballos desta actuación, coa que se dará unha nova vida a este edificio municipal para poñelo ao servizo da veciñanza.

As obras foron adxudicadas á empresa Calicanto Obras y Proyectos S.L. por un importe de 55.044,32 euros, IVE incluído, e corresponden á segunda fase da recuperación deste inmoble. Cómpre lembrar que no ano 2023 o Concello acometera xa, con fondos propios, unha primeira intervención centrada na mellora da envolvente exterior, con actuacións na cuberta e na carpintería exterior.

O proxecto conta con financiamento ao abeiro das axudas do programa LEADER, tramitadas a través da ADR Terras de Pontevedra Norte e cofinanciadas con fondos FEADER dentro do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027. Grazas a esta convocatoria, o Concello logra financiar o 90% do custo total da actuación.

A alcaldesa destacou durante a visita que “o inicio destas obras supón un paso moi importante para Cortegada e para o conxunto do rural de Silleda, porque falamos de recuperar un espazo público que estaba sen uso e convertelo nun recurso útil, moderno e aberto á veciñanza”.

Paula Fernández incidiu tamén en que este proxecto “responde á aposta do goberno municipal por seguir dotando de vida aos edificios públicos das parroquias, adaptándoos ás necesidades actuais”. “Neste caso”, engadiu, “queremos que a antiga escola de Cortegada se converta nun lugar de encontro, formación e acceso ás novas tecnoloxías, contribuíndo tamén a reducir a fenda dixital no rural”.

A intervención permitirá acondicionar o interior da antiga escola para dotalo dun uso social e tecnolóxico. Entre as actuacións previstas figura a creación de dúas salas polivalentes equipadas para uso TIC, con tomas RJ45, HDMI, equipos informáticos e de proxección, así como a execución dun aseo accesible e dun pequeno almacén.

Os traballos inclúen ademais melloras de illamento, ventilación, fontanería, instalación eléctrica, protección contra incendios e eficiencia enerxética, xunto co acondicionamento da contorna exterior do edificio.

Dende o Concello sinálase que este novo Centro TIC permitirá acoller accións formativas, actividades divulgativas e iniciativas vinculadas ao acceso e uso das tecnoloxías da información e da comunicación, ofrecendo á veciñanza de Cortegada e da contorna un novo espazo de referencia no rural.

“Seguimos avanzando nun modelo de municipio que coida as parroquias, que recupera patrimonio municipal e que crea servizos preto da xente”, concluíu a alcaldesa.