O Concello de Silleda contrata a brigada de prevención e defensa contra incendios forestais para este verán

 

  • A actuación compleméntase coa elaboración do Plan de Actuación Municipal fronte ao risco de incendios forestais, unha ferramenta técnica para mellorar a coordinación, a prevención e a resposta ante emerxencias
  • A brigada estará integrada por catro persoas e realizará labores de vixilancia, defensa, extinción e prevención durante tres meses

Silleda, 8 de xullo de 2026.- O Concello de Silleda vén de avanzar na contratación do servizo de labores de vixilancia, defensa e prevención de incendios forestais para este ano 2026, unha actuación que permitirá reforzar os medios dispoñibles durante o período de maior risco de lumes no municipio.

O contrato para a brigada adxudícase á empresa EULEN, S.A., por un importe total de 50.215 euros, IVE incluído, e terá unha duración de tres meses desde a súa sinatura. A prestación do servizo enmárcase no convenio de colaboración subscrito coa Consellería do Medio Rural para a realización de accións de prevención e defensa contra incendios forestais nos anos 2025-2026, cofinanciado parcialmente polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, FEADER, no marco do PEPAC 2023-2027.

A brigada estará composta por catro persoas: unha persoa xefa de brigada e tres peóns forestais, que desenvolverán labores de vixiancia e defensa contra incendios forestais durante o período de operatividade previsto. Ademais, cando non sexan requiridas para tarefas de defensa ou extinción, realizarán actuacións preventivas, como rozas manuais e traballos vinculados ao control do estado das parcelas incluídas nas redes de faixas secundarias de xestión da biomasa.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, sinala que esta contratación “permite reforzar a capacidade de resposta do Concello nun período especialmente sensible, no que é fundamental:  dispoñer de medios humanos preparados e coordinados para actuar tanto na prevención como na defensa fronte aos incendios forestais”.

Fernández Pena lembra que Silleda é un concello cunha ampla superficie rural, elevada dispersión territorial e importante masa forestal, polo que “a prevención ten que ser unha prioridade constante”. Neste sentido, destaca que “a brigada non só supón un recurso operativo fronte a posibles emerxencias, senón tamén unha ferramenta clave para avanzar na xestión preventiva do territorio e na protección da veciñanza, das vivendas e do noso patrimonio natural”.

Esta actuación compleméntase coa contratación da elaboración do Plan de Actuación Municipal fronte ao risco de incendios forestais, coñecido como PAM, que foi adxudicado á empresa Oficina Técnica DEMONTES S.L.U. Gerencia Norte por un importe de 5.442,58 euros, IVE incluído. O documento deberá estar finalizado e entregado antes do 31 de xullo de 2026.

O PAM constitúe unha ferramenta esencial para a planificación, coordinación e resposta ante situacións de emerxencia derivadas dos incendios forestais. O seu obxectivo é establecer protocolos de actuación, mellorar a coordinación dos medios dispoñibles e reforzar a protección da poboación, dos bens e do territorio.

Para a elaboración deste plan, o Concello de Silleda conta cunha subvención da Xunta de Galicia por importe de 2.773,11 euros, concedida ao abeiro da orde de axudas para a elaboración, revisión e implantación de plans de protección civil para risco de incendios forestais de ámbito municipal.

A alcaldesa subliña que “a loita contra os incendios non pode limitarse á resposta cando o lume xa está activo, senón que require planificación, prevención e coordinación previa”. Por iso, considera que a contratación da brigada e a elaboración do PAM “son dúas actuacións relacionadas e necesarias, que permiten ao Concello estar mellor preparado ante o verán e avanzar cara a unha xestión máis eficaz do risco de incendios”.

O Concello de Silleda reafirma así o seu compromiso coa protección do medio rural, coa seguridade da veciñanza e coa defensa do territorio, combinando medios operativos no terreo con instrumentos técnicos de planificación municipal.