- A proposta celebrarase de 18:30 a 20:30 horas, e incluirá unha charla na Casa do Concello e unha observación solar dende os Castros de Toiriz, da man da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura
- A iniciativa servirá como preparación para a eclipse solar do mércores 12, -un evento único- facilitando os coñecementos e os medios necesarios para contemplala con seguridade
- A participación é gratuíta, con inscrición previa a través dos formularios que se publicarán na web e nas redes sociais municipais
Silleda, 30 de xullo de 2026. O Concello de Silleda organiza o vindeiro mércores, día 5 de agosto, unha actividade de astronomía recreativa e divulgación científica como antesala da eclipse solar que terá lugar o mércores 12 de agosto. A iniciativa desenvolverase entre as 18:30 e as 20:30 horas e estará dirixida pola Fundación Ceo, Ciencia e Cultura.
A proposta pretende preparar á veciñanza para vivir e comprender este fenómeno astronómico, ofrecendo información práctica sobre as súas características e, sobre todo, sobre a maneira correcta de observalo sen riscos para a vista. Deste xeito, as persoas participantes poderán chegar á cita do día 12 cos coñecementos e as recomendacións necesarias para gozar da eclipse de maneira responsable e segura.
A actividade contará coa presenza dunha astrofísica e de dous monitores Starlight e divulgadores astronómicos, que achegarán ao público os principais coñecementos necesarios para comprender este fenómeno e contemplalo de maneira segura.
A primeira parte celebrarase na Casa do Concello e consistirá nunha presentación audiovisual e divulgativa sobre as características, as causas e os diferentes tipos de eclipses solares e lunares. Tamén se explicarán as distintas fases dunha eclipse, a relevancia do fenómeno deste ano para Galicia e algúns dos efectos que poden chegar a observarse durante estes acontecementos astronómicos.
Un dos apartados centrais estará dedicado ás medidas de protección ocular. O equipo especializado explicará os métodos adecuados para observar o Sol, como o emprego de gafas homologadas, telescopios solares, prismáticos equipados con filtros certificados ou sistemas indirectos de proxección. Así mesmo, advertirase dos elementos que nunca deben utilizarse, como radiografías, cristais afumados, gafas de sol convencionais ou outros filtros non autorizados.
Ao remate da explicación abrirase unha quenda de preguntas e, posteriormente, as persoas participantes desprazaranse ata os Castros de Toiriz para realizar unha observación solar. Tamén haberá gafas específicas de observación solar, dotadas de filtros certificados para este fin.
Esta observación práctica permitirá familiarizarse previamente cos equipos e cos procedementos que deberán empregarse durante a eclipse do día 12, evitando prácticas inseguras e resolvendo as dúbidas máis habituais antes da celebración do fenómeno.
A proposta desenvolverase cunha metodoloxía lúdica, participativa e accesible para todos os públicos, mantendo en todo momento o rigor científico. As actividades promovidas pola Fundación Ceo, Ciencia e Cultura contan, ademais, co asesoramento da Área de Astronomía e Astrofísica da Universidade de Vigo.
O aforo será limitado, polo que será necesario inscribirse previamente nos formularios que estarán dispoñibles nos próximos días na páxina web e nas redes sociais do Concello de Silleda.
As inscricións están dispoñibles no seguinte formulario:
https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSeBsXyY-yo82TjiZh7JxV6QBfhZtJ8IdR5B2-yh_snmJ9bgfA/viewform
