O programa Silleda Activa retomouse hoxe despois do parón estival. Esta iniciativa municipal do Concello de Silleda dirixida a persoas maiores de 65 años ou pensionistas para fomentar a actividade física, o benestar e a estimulación cognitiva contará nesta nova edición con 149 persoas anotadas nas diferentes actividades incluídas no programa, mentres que outras 33 persoas permanecen en lista de agarda.
Silleda Activa ofrece neste curso un total de cinco actividades, pensadas para fomentar a actividade física, estimular a memoria, favorecer o benestar emocional e promover hábitos de vida saudables. As propostas son ximnasia de mantemento, obradoiro de memoria, musicoterapia, aeróbic (tamén no centro social da Bandeira) e pilates.
A elevada participación e o número de persoas en lista de agarda poñen de manifesto o interese da cidadanía por este tipo de actividades, que combinan exercicio, saúde e socialización.
A concelleira de Benestar a Igualdade, Ángela Troitiño, asistiu hoxe ao comezo das actividades de ximnasia de mantemento e Obradoiro de memoria, para dar a benvida e explicar aos novos participantes as líñas básicas do programa.
Desde o Concello de Silleda salientase a importancia de continuar impulsando programas que favorezan un envellecemento activo e saudable, ao tempo que ofrecen espazos de encontro e participación para a veciñanza.
Con esta nova edición, Silleda Activa consolídase como unha das principais propostas municipais, dando resposta á demanda existente e apostando por actividades que contribúen á mellora da calidade de vida das persoas participantes.
