Eva Fares Borrajo chegou á cociña case por casualidade. O que seguramente non imaxinaba daquela é que aquel camiño que comezou entre dúbidas acabaría levándoa aos fogóns dun dos grandes referentes da gastronomía galega. Hoxe, con 30 anos, esta silledense está á fronte da cociña do restaurante As Garzas, en Barizo, Malpica, distinguido cunha Estrela Michelin e dous Soles Repsol.
Por esa traxectoria, polo talento dunha nova xeración que pisa forte na gastronomía galega e por levar sempre con ela as súas raíces, Eva Fares Borrajo é a protagonista do programa municipal (IN)VISIBLES neste mes de agosto.
Eva naceu o 14 de novembro de 1995 en Silleda, vila na que medrou e viviu durante boa parte da súa vida. Está ademais especialmente vinculada á parroquia de Breixa, de onde é natural o seu pai. Estudou no CEIP de Silleda e posteriormente no IES Pintor Colmeiro.
A súa vocación profesional non estaba, daquela, escrita. Ao rematar Secundaria non tiña claro cara onde encamiñar os seus estudos, aínda que xa lle gustaba experimentar entre os fogóns. Na casa había tamén certa curiosidade polos sabores: a familia materna, vinculada ao País Vasco e Navarra, achegaba produtos diferentes, e o seu pai, camionero de profesión, traía á casa alimentos e especialidades dos lugares polos que viaxaba. Esa mestura de curiosidade, produto e descubrimento foi espertando nela o interese pola gastronomía.
Primeiro formouse en Dirección de Servizos de Restauración en Vilamarín e máis tarde completou os estudos de Dirección de Cociña en Santiago. Rematou a súa formación en 2019, despois de compaxinar os estudos con diferentes traballos na hostalaría.
Tres meses que cambiaron todo
Foi precisamente nese momento cando apareceu As Garzas. Eva viu que o restaurante buscaba persoal e enviou o currículo «por probar». Non era un lugar calquera: o establecemento contaba xa cunha Estrela Michelin. Chamárona.
Foi para tres meses.
E quedou.
Aquela experiencia temporal transformouse no seu proxecto profesional e tamén persoal. Alí coñeceu a Xurxo Agrasar, con quen comparte hoxe vida e restaurante. Desde 2025 ambos asumiron o relevo xeracional de As Garzas: Eva á fronte dos fogóns e Xurxo entre a adega e a pastelería, continuando unha historia familiar que comezara décadas atrás en Barizo.
O propio restaurante define hoxe este momento como unha nova etapa dentro dunha historia familiar. As Garzas conseguiu a súa Estrela Michelin en 2010 e mantena desde entón de forma ininterrompida. Actualmente conta tamén con dous Soles da Guía Repsol, que identifica expresamente a Eva Fares como xefa de cociña.
O relevo non significa esquecer o pasado. Na carta continúan presentes pratos que levan décadas ligados á casa, xunto a propostas máis contemporáneas. Eva cita entre os sabores que forman parte da identidade de As Garzas o arroz con bogavante ou a robaliza con grelos, mentres que entre as súas elaboracións aparecen propostas como o peixe con pilpil de algas ou o porro confitado con salsa holandesa afumada.
As Garzas continúa así mirando ao Atlántico desde Barizo e escribindo unha nova páxina da gastronomía galega. Guía Repsol sitúa a Eva e Xurxo á fronte desta nova xeración do restaurante, nun proxecto no que tradición, produto mariño e cociña contemporánea conviven mirando á Costa da Morte.
Silleda, para “cargar as pilas”
Pero hai unha viaxe que Eva segue facendo continuamente en sentido contrario.
A pesar da intensidade do traballo e dunha profesión que a leva tamén a participar en eventos gastronómicos dentro e fóra de Galicia, regresa todas as semanas a Silleda.
Volve á casa, á familia, ás amizades e ás súas raíces. Volve, como ela mesma explica, para “cargar as pilas”.
Porque ás veces os camiños que comezan sen un destino demasiado claro acaban levando exactamente ao lugar no que unha persoa debía estar.
Eva saíu de Silleda buscando o seu camiño e atopouno fronte ao mar da Costa da Morte, entre produtos, sabores e fogóns.
Pero Silleda continúa sendo o lugar ao que regresar.
E esa é tamén a historia da nosa (IN)VISIBLE de agosto.
