Silleda, 4 de decembro de 2014. O mosteiro de Carboeiro vén de mudar o seu horario de apertura ao público, reducindo nunha hora polas tardes as visitas. Así, as dependencias monacais estarán abertas ao público todos os días (agás os luns) en horario de 12.00 a 14.30, e de 15.00 a 17.00 horas.
Dende o pasado mes de outubro o mosteiro estaba aberto ata as 18.00 horas, pero ante a chegada da estación invernal as condicións de visibilidade aconsellan esta reducción. Así, e ata novo aviso, o horario de apertura será ata as cinco da tarde. Tamén se gaña media hora no horario de tarde, xa que nos últimos meses o mosteiro abría ás 15.30 e agora o fará ás 15.00 horas.
Por outra banda o vindeiro luns día 8, xornada festiva, o mosteiro estará aberto ao público no citado horario. “Cremos que a ponte festiva atraerá visitantes á Silleda e á comarca, polo que consideramos que se debe facilitar a entrada a un dos nosos emblemas turísticos”, engade a concelleira de Turismo, Margarita Campos.
Por outra banda, as dependencias monacais dispoñen dende hai varios días de distintas melloras. Así, están xa instaladas as luces led (que funcionan con baterías) que iluminan a baixada á cripta do mosteiro e tamén os aseos.
Tamén se facilita ás persoas visitantes planos guía, a modo de información para facilitar o percorrido polo edificio románico.
“Cremos que se trata dunha boa iniciativa para os milleiros de persoas que visitan o mosteiro, e que están a ter unha grande aceptación”, sinala a concelleira.
Inventario de bens e novo récord de visitas
Por outro lado, o Concello de Silleda tamén procederá á realización dun inventario dos bens que se gardan no edificio (mobles, sillas, fotografías, cadros), para ter un control interno de todos os enseres que figuran nestas dependencias, onde seguen a aumentar as visitas ano tras ano.
Así, e logo de confirmarse o récord absoluto na tempada estival, o balance de visitas do pasado mes de novembro volve reflexar o aumento de entradas. En total rexistraronse en novembro 1.712 visitas, case mil máis ca no mesmo periodo de 2013 (con 808 visitantes no citado mes).
Así, e segundo os datos disponibles, dende maio a novembro , o número de persoas que se achegaron ata o mosteiro sitúase xa en 10.653, con unha media de 49 visitas diarias.
O aumento de excursións tamén está detrás deste excelente balance dos últimos meses.
Árbore de Nadal por primeira vez
Por outra banda o mosteiro contará nos vindeiros días cunha árbore de Nadal, que se instalará por primeira vez neste edificio. Será unha árbore interactiva, máis aló do carácter decorativo, convidando aos visitantes a deixar os seus lemas e mensaxes de concienciación medioambiental. Esta iniciativa está ligada ao gran valor natural e paisaxístico do entorno no que se atopa o mosteiro, con numerosas especies autóctonas.