Silleda, 9 de decembro de 2014. O Concello de Silleda e a Fundación Semana Verde de Galicia veñen de pechar un acordó histórico para a compensación mutua das débedas e a liquidación total das mesmas, logo de varios anos de intentos e negociacións.
O documento foi presentado esta mañá aos grupos da Corporación, nunha comisión informativa previa ao Pleno –órgano que debe ratificar o acordó- previsto para o vindeiro luns día 15 (11.00 horas) en sesión extraordinaria. Tamén deberá de tomarse o acordo no seo do Padroado da Fundación Semana Verde, na sesión prevista para o vindeiro xoves 18.
O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e o director xerente da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán, compareceron despois para dar conta deste convenio histórico co que se da carpetazo á débeda entre as dúas entidades.
Este acordo materializarase compensando os impostos que adebedaba a Fundación feiral ao Concello coa adquisición, por parte da Administración Local, de un edificio e dous solares, que pasan a ser de titularidade municipal.
Os tres inmobles están valorados en 1.003.921,62 euros.
Segundo recolle o informe técnico o saldo final dos impostos que adebeda a fundación ao Concello sitúase en 1.008.432,90 euros (non se ten en conta na cantidade final compensada o recargo de apremio, que habería que pagar ao ORAL se a compensación fose en metálico por importe de 218.086,65 euros); mentres que o Concello lle debe á Fundación feiral 383.530,30 euros da aportación fundacional.
A proposta de pago-compensación tradúcese no traspaso dos citados inmobles ao Concello de Silleda.
O edificio de oficinas do recinto conta con 1.819 metros cadrados construidos, nunha parcela de 2.700 metros cadrados. Está valorado en 616.908,48 euros, e prevese que sexa a futura sede da Escola de Música.
O solar que fora cedido no seu día para a construcción dun Centro de Día de Maiores, tamén pasa a ser propiedade municipal a través do acordo de compensación. Ten 8.251metros cadrados e foi tasado en 247.542 euros.
O outro terreo, en principio para usos deportivos, ten una superficie de 29.000 metros cadrados, e a tasación sitúa o seu valor en 139.471,14 euros.
Para a realizar estas valoracións, segundo se recolle no informe de Secretaría do Concello, solicitaronse tres propostas, elixindo finalmente a media en cada caso.
“Faise unha compensación cambiando as débedas pola adquisición destes tres inmobles”, sinalou o alcalde, Manuel Cuiña.
Da compensación económica tamén se traduce un saldo a favor do Concello de 4.511,28 euros, que podería facerse como pago en efectivo ou ben compensarse a través do acordo asinado en setembro entre o Concello e a Fundación para uso das instalación do recinto.
“Os informes técnicos avalan este acordo ante o interese Xeral que supón tanto para Silleda como para Galicia, xa que a Fundación Semana Verde é un referente na comunidade para o sector primario”, inducou o rexedor.
O convenio, que se prevé firmar o vindeiro xoves día 18 aproveitando a celebración do Padroado da fundación feiral, inclúe tamén a creación dunha comisión de seguimento paritaria no caso de que xurdiran discrepancias.
Novo horizonte a partir de 2015
Pola súa banda, o director xeral da fundación, Ricardo Durán, lembrou que este é o “segundo gran tema histórico que tiñamos que resolver, logo de pechar o litixio coa construtora do recinto”.
Tamén apuntou que a resolución da débeda co Concello supuxo “unha perda de cartos, de tempo e esforzo que tiñamos que ter adicado a busca de actividades para o recinto, e tamén falta de financiación ante as reticencias das entidades bancarias”, dixo sobre o proceso que agora se pecha.
Así mesmo, Durán tamén apuntou que de cara ao futuro, pese a que fundación perde os citados inmobles, “o recinto é un xigante con tantas posibilidades que imos a superalo case sen daros conta”, dixo aludindo a unha “nova etapa ao recinto centrada na búsqueda de actividades”. “Creo que 2015 será o noso grande ano de reuperación”, engadiu, ademais de amosarse convencido de que o convenio obterá o respaldo maioritario da Corporación no pleno extraordinario do vindeiro luns.
Tanto o alcalde coma o director xeral agradeceron o traballo e o esforzo dos técnicos e da asesoría xurídica na Xunta.
“O día que asinemos será un día de festa”, apuntou o director xeral da fundación.
Traslado das oficinas
Por outra banda, na comparecencia Ricardo Durán explicou que o traslado das oficinas da Semana Verde se realizará “o máis rápido posible” e avanzou que hai varias alternativas que serán presentadas o xoves 18 na reunión do Padroado.
Así mesmo, o alcalde apuntou que hoxe mesmo informou ao presidente da Banda Municipal de Silleda do contido do acordo. Sobre o traslado da Escola de Música ao edificio que pasará a ser municipal, Cuiña indicou que hai que facer obras que se incluirán xa no orzamento de 2015, que está previsto aprobar nas vindeiras semanas.
“Se non pode ser antes, porque hai que facer un proxecto para o edificio, o trasladoda escola será para o vindeiro curso”, indicou.