O Concello adxudica a Saídres de Trasdeza por máis de 105.000 euros as obras de mellora dos centros sociais de Cervaña, Ponte e Fiestras

  • Os traballos, financiados cunha axuda de 100.000 euros de Agader, permitirán renovar os tres equipamentos e crear en Ponte un obradoiro comunitario ligado ao programa Silleda Co-labora

Silleda, 26 de setembro de 2026. O Concello de Silleda vén de adxudicar á empresa Saídres de Trasdeza S.L. as obras de mellora dos centros sociais municipais de Cervaña, Ponte e Fiestras, por un importe total de 105.407,94 euros, IVE incluído.

A adxudicación foi aprobada pola Xunta de Goberno Local, e o contrato establece un prazo máximo de execución de dous meses, a contar desde a sinatura da acta de comprobación do replanteo.

As actuacións forman parte do proxecto municipal para reforzar a rede de equipamentos sociais das parroquias e mellorar as condicións de uso, accesibilidade, conservación e funcionalidade destes espazos de encontro veciñal. O proxecto enmárcase ademais nos programas municipais Silleda Dinamiza e Silleda Co-labora, orientados á dinamización social, cultural e económica do rural.

A actuación conta cunha axuda de 100.000 euros concedida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dentro da liña de subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en zonas rurais.

Melloras nos tres centros

No Centro Social de Cervaña levaranse a cabo actuacións tanto no interior como no exterior do inmoble. Entre elas figuran a limpeza da cuberta e das fachadas, o pintado dos paramentos exteriores e interiores, a substitución do falso teito actual de madeira por un novo sistema desmontable de PVC e a renovación das carpinterías exteriores por outras de PVC con dobre acristalamento baixo emisivo. Tamén se repararán as contras de madeira, a parrilla existente e unha viga interior.

A oferta adxudicataria incorpora ademais como mellora o tratamento con lasur das vigas e pontóns de madeira do soportal exterior de acceso.

No caso do Centro Social de Ponte, as obras permitirán non só mellorar o estado de conservación do edificio, senón tamén incorporar un novo uso vinculado ao programa municipal Silleda Co-labora. Prevese a adaptación dunha parte do inmoble como obradoiro comunitario de uso compartido, destinado a actividades relacionadas coa valorización, transformación e comercialización de produtos agroalimentarios locais.

Os traballos inclúen tamén a revisión e reparación da cuberta, canalóns e baixantes, a impermeabilización da terraza e doutras zonas, a reparación e pintado de paramentos interiores e exteriores e a adaptación das instalacións necesarias para o funcionamento do novo obradoiro. Así mesmo, ampliarase a illa de reciclaxe coa instalación dun compostador comunitario.

Neste centro, a empresa adxudicataria inclúe como mellora a instalación dun sombreirete de aceiro galvanizado ou inoxidable na cheminea, co obxectivo de mellorar a protección fronte á entrada de auga, aves e sucidade.

Finalmente, no Centro Social de Fiestras actuarase sobre a cuberta, executarase unha nova pavimentación exterior de formigón para mellorar as condicións de tránsito e accesibilidade, renovaranse as barandillas exteriores e realizaranse distintas reparacións nas instalacións e no interior do edificio, incluíndo o pintado xeral.

A actuación inclúe tamén a instalación dunha marquesiña na entrada principal, que será de maiores dimensións e prestacións grazas á mellora ofertada pola empresa adxudicataria.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, destaca que “con esta actuación seguimos avanzando na mellora dos equipamentos municipais das parroquias, que son espazos fundamentais para a vida social e comunitaria do noso rural”.

“Ademais de renovar edificios que precisaban distintas actuacións de conservación, damos un paso máis incorporando novos servizos, como o obradoiro comunitario de Ponte, co que queremos abrir novas posibilidades para a dinamización económica e social das parroquias”, engade.

Con esta actuación o Concello de Silleda segue apostando pola recuperación e mellora dos centros sociais do rural, continuando así as melloras levadas a cabo nos últimos meses en parroquias como Saídres, Lamela, Piñeiro, Moalde e Cira.