Silleda acolle en outubro «Chicas Nuevas 24 horas», o proxecto de Mabel Lozano contra a trata de mulleres e nenas

O Concello de Silleda acollerá do 1 ao 15 de outubro «Chicas Nuevas 24 horas», un proxecto da recoñecida cineasta, documentalista e activista polos dereitos das mulleres Mabel Lozano, que pon o foco na trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual.

A proposta, promovida pola Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, en colaboración co Concello de Silleda, combina unha exposición fotográfica coa proxección do documental homónimo e actividades de sensibilización destinadas especialmente á mocidade.

A exposición, aberta ao público en xeral, reúne unha escolma de fotografías realizadas durante a rodaxe de Chicas Nuevas 24 horas en Arxentina, Perú, Colombia, Paraguai e España. As imaxes achegan ao público á realidade da trata e da explotación sexual desde diferentes países e contextos, facendo visible unha realidade que habitualmente permanece oculta.

O proxecto leva a sinatura de Mabel Lozano, unha das voces máis recoñecidas en España no ámbito audiovisual na denuncia da trata e da explotación sexual das mulleres. A cineasta leva anos empregando o documental como ferramenta de investigación, denuncia e sensibilización social, cunha traxectoria especialmente vinculada á defensa dos dereitos das mulleres.

 

Proxección do documental

Como complemento á mostra fotográfica, durante os días nos que permaneza instalada a exposición tamén poderá verse Chicas Nuevas 24 horas no Salón de Actos do Concello de Silleda, onde se proxectará durante todos os días da mostra en horario de 10:00 a 14:00 horas.

O documental, dirixido por Mabel Lozano, aborda a través dunha investigación realizada nos cinco países nos que se desenvolveu o proxecto a realidade da trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual, achegándose tanto ás vítimas como aos mecanismos que sosteñen este negocio.

Deste xeito, a proposta permite ir máis alá da exposición fotográfica e afondar, a través do audiovisual, na realidade que retratan as imaxes.

Xornada cos centros educativos o 8 de outubro

Un dos eixos fundamentais da chegada de Chicas Nuevas 24 horas a Silleda será o seu carácter educativo e de sensibilización entre a mocidade. Neste marco, o vindeiro 8 de outubro celebrarase unha xornada específica coa participación de alumnado de dous centros educativos do municipio.

De 10:00 a 12:00 horas participará alumnado de ciclo medio do IES Pintor Colmeiro, mentres que de 12:00 a 14:00 horas será a quenda do alumnado de 1º de Bacharelato do CPR María Inmaculada.

A actividade, indicada para maiores de 14 anos, incluirá unha visita guiada á exposición fotográfica, a proxección do documental, unha actividade didáctica e un posterior debate co alumnado. O obxectivo é favorecer a reflexión e o desenvolvemento dunha mirada crítica arredor da trata, a explotación sexual e as distintas formas de violencia contra as mulleres.

Desde o Concello de Silleda destácase a importancia de achegar á mocidade ferramentas que lle permitan identificar e comprender estas realidades, empregando a fotografía e o audiovisual como instrumentos de sensibilización, prevención e educación en igualdade.