O Concello de Silleda convoca unha nova edición de #SilledaFaiNadal con 3.600 euros en premios e unha nova categoría para o comercio e hostalaría

• O certame de decoración de Nadal contará este ano con tres categorías: espazos privados, espazos públicos e establecementos comerciais e hostaleiros

• O prazo de inscrición abrirase o 2 de novembro e as decoracións deberán permanecer instaladas entre o 14 de decembro e o 6 de xaneiro

Silleda, 30 de outubro de 2026. O Concello de Silleda, a través das Concellerías de Cultura e de Promoción Económica, vén de convocar unha nova edición do certame #SilledaFaiNadal, unha iniciativa que busca encher de cor, luz e creatividade as rúas, prazas, vivendas e establecementos do municipio durante as festas do Nadal, fomentando ao mesmo tempo a participación veciñal, a cooperación e a dinamización económica. A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases desta nova convocatoria, que chega con novidades na distribución das categorías e cunha dotación global de 3.600 euros en premios, que se entregarán integramente en vales para consumir nos establecementos comerciais e hostaleiros do municipio. Tras o éxito das edicións anteriores, nas que participaron tanto particulares como colectivos e asociacións veciñais, o Concello aposta por seguir consolidando unha iniciativa que xa se converteu nunha cita habitual da programación do Nadal silledense.

Tres categorías e nove premios

Unha das principais novidades desta edición é a reorganización do concurso en tres grandes categorías, coa incorporación dunha modalidade específica para os establecementos comerciais e hostaleiros, que poderán participar decorando os seus escaparates, fachadas, terrazas e outros elementos visibles desde o exterior.

Así, na categoría de espazos privados, que inclúe vivendas unifamiliares, balcóns, galerías, portais e fachadas de edificios, establécese un primeiro premio de 500 euros, un segundo de 300 e un terceiro de 100 euros.

Na modalidade de espazos públicos, destinada á decoración de prazas e outros lugares de uso público, concederanse os premios de maior contía: 1.000 euros para a proposta gañadora, 600 euros para a segunda clasificada e 200 euros para a terceira.

Pola súa banda, a nova categoría de comercios e hostalaría contará cun primeiro premio de 500 euros, un segundo de 300 e un terceiro de 100 euros.

En total, repartiranse nove premios por importe de 3.600 euros, que contribuirán tamén a impulsar o consumo de proximidade e apoiar o tecido económico local silledense.

Creatividade, sustentabilidade e participación veciñal

O certame mantén a súa filosofía orixinal, promovendo a implicación da cidadanía na creación dun ambiente festivo en todo o municipio e poñendo en valor o traballo colectivo, a imaxinación e a utilización de materiais sostibles.

As bases establecen liberdade creativa para as persoas participantes, sempre dentro da temática do Nadal. Na valoración teranse especialmente en conta a orixinalidade, o deseño, os elementos elaborados artesanalmente, a reutilización de materiais de refugallo e a interculturalidade das propostas.

Tamén se valorará positivamente o emprego de iluminación de baixo consumo, como as luminarias LED ou fotovoltaicas.

Desde o goberno municipal destácase que #SilledaFaiNadal é moito máis ca un concurso de decoración, xa que permite implicar a veciñanza na vida comunitaria, favorecer o traballo conxunto entre diferentes xeracións e colectivos e facer que o espírito destas festas chegue tamén ás parroquias e aos núcleos rurais.

Ademais, coa categoría destinada a comercios e hostalaría preténdese animar os establecementos a sumarse activamente á ambientación do Nadal, contribuíndo a crear espazos máis atractivos e a reforzar o comercio local.

Inscricións e votación popular

O prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns  2 de novembro. A participación é totalmente gratuíta e as persoas, asociacións, colectivos e establecementos interesados deberán formalizar a súa solicitude mediante o modelo habilitado polo Concello, presentándoo no Rexistro Municipal, en horario de 09:00 a 14:00 horas, ou a través da Sede Electrónica.

As decoracións deberán permanecer instaladas e visibles desde o exterior, como mínimo, entre o 14 de decembro de 2026 e o 6 de xaneiro de 2027.

As persoas participantes deberán remitir un máximo de tres fotografías das súas creacións ao correo electrónico cultura@silleda.gal, co obxectivo de facilitar a valoración e a súa difusión nas redes sociais municipais.

Como en anteriores edicións, a elección das propostas gañadoras combinará a valoración dun xurado coa participación popular a través da páxina oficial de Facebook do Concello de Silleda, cunha ponderación do 50 % para cada sistema.

A resolución do concurso darase a coñecer, de ser posible, durante o mes de xaneiro.

Desde o Concello anímase a toda a veciñanza, asociacións e establecementos do municipio a participar nesta nova edición, contribuíndo a facer de Silleda un concello máis acolledor, participativo e cheo de ambiente durante o Nadal. A continuación figuran as bases e a folla de inscrición: