Silleda, 9 de xaneiro de 2015. A Asociación de Axuda ao Necesitado da Bandeira vén de facer unha doazón económica por importe de 1.200 euros ao programa municipal Silleda Solidaria. Dende o Concello de Silleda o alcalde, Manuel Cuiña, agradece “esta destacada colaboración á entidade, que xa viña colaborando co programa”, engade.
O colectivo creouse no ano 2011 a raíz do caso dunha veciña que precisaba axuda para unha operación médica e co obxectivo de responder a casos coma este de emerxencia social.
Con esta doazón veñen a incrementarse os fondos de Silleda Solidaria recollidos de aportacións particulares ou a través da realización de actividades solidarias dende a súa creación.
“Estamos moi agradecidos a este colectivo e a todas as asociacións e particulares que coa súa achega solidaria están a contribuir a reforzar as medidas de axudas as familias silledenses con menos recursos”, explica o alcalde Manuel Cuiña.