Silleda, 17 de xaneiro de 2015. O Concello de Silleda está a ultimar o proxecto para a remodelación da praza Camilo José Cela da Bandeira, no que se investirán 40.000 euros.
Trátase dunha actuación moi demandada polos veciños, á vista do estado de deterioro no que se atopa a praza, sobre todo na zona da escalinata que da acceso ao CEIP da Bandeira.
As obras acometeránse con cargo aos fondos que lle corresponden ao Concello dentro do Plan de Mantementos de Servizos e Infraestruturas Municipais (PUSIM) deste ano.
“Con estes traballos búscase mellorar esta zona tanto dende o punto de vista da seguridade e accesibilidade como tamén a nivel estético”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
Así, lembra que o mal estado das escaleiras xa ten suscitado as queixas dos veciños e usuarios. Ademais, tamén se teñen rexistrado situacións de perigo co paso de motos ou quads polas escaleiras, “o que supón tamén un deterioro da estrutura”, engade.
Para evitar precisamente situacións como estas o proxecto de remodelación e mellora incluirá o arranxo das escaleiras ás que se dotará dun pasamanos continuo, para garantir a accesibilidade. Tamén se fará un mirador na cima das escaleiras que impida o descenso de vehículos polas escalinata e que mellorará dende o punto de vista estético este acceso.
Senda peonil con alumeado na rúa Lavadoiro
O proxecto de mellora inclúe tamén a dotación de unha senda peonil no tramo da rúa Lavadoiro, que une esta praza coa rúa da Empanada. Terá alumeado e unha senda en formigón impreso de 2 metros de ancho. “Para completar esta mellora dotaremos de alumeado esta zona, unindo a praza coa rúa da Empanada, outra actuación que se viña demandando”, engade Cuiña, que recorda que nas inmediacións desta praza se atopan servizos coma o Centro de Saúde, o CEIP e o pavillón polideportivo, “polo que cremos fundamental remodelar este entorno”, engade.
A actuación completarase con unha zona de recreo nunha parcela municipal que se atopa nas inmediacións da praza.