Adxudicadas as obras do Plan Marco

Silleda, 27 de xaneiro  de 2015. A Xunta de Goberno Local de Silleda acordou hoxe adxudicar os traballos do Plan Marco, para a mellora de camiños de titularidade municipal, á empresa Fernández Sarmiento. Logo de estudar as ofertas presentadas esta resultou a mellor opción.

O Plan Marco conta con un orzamento total de 162.383 euros, para a actuación  sobre tres vías: a que vai dende Andamollo a Medelo; a do Camiño de Penido, en Chapa, e outra en Martixe, entre Martixe e Paradela de Abaixo.

As dúas primeiras serán dotadas de aglomerado en quente. A pista de Andamollo-Medelo, con algo máis de 1,9 kilómetros parte dende Chapa ata Medelo (ata o entronque coa estrada provincial). Neste caso aproveitouse a próxima realización destas obras para acometer dende o Concello a extensión da rede da traída de augas á parroquia de Chapa.

 

No caso do Camiño de Penido, o tramo de máis de 1,1 kilómetros entre Maceira Boa (estrada Bandeira-Moalde) ata o cruce da igrexa de Chapa.

A pista de Martixe, con 1,1 kilómetros,  arranxarase coa dotación de rego asfáltico.

“Con este proxecto de pavimentacións e reforzo de firmes nos camiños o Concello de Silleda continua coa mellora das infraestruturas viarias no rural”, sinala o alcalde, Manuel Cuiña, que agarda que as obras poidan comezar no menor prazo de tempo posible.