Silleda, 5 de febreiro de 2015. O Concello de Silleda vén de rematar un proxecto para a mellora da sinalización nos dous cascos urbanos do municipio. Trátase de unha ampla actuación que se executará con cargo aos fondos que lle corresponden a Silleda no Plan de Investimentos PID.
“Buscase repoñer o pintado de todos os cebreados e tamén o pintado lonxitudinal de todas as rúas, mellorando así a sinalización e con ela a seguridade viaria”, explica o alcalde.
O proxecto ten un orzamento total de 55.039 euros. En total actuarase sobre as 16 vías urbanas da Bandeira e outras 32 do casco urbano de Silleda.
Búscase con esta actuación mellorar os dous núcleos sillendeses tendo en conta que nalgún caso o pintado sobre o pavimento actual se atopa deteriorado ou cun estado de conservación deficiente.
“Aínda que dende o Concello vimos actuando de xeito puntual repintando por exemplo os pasos de peóns xunto aos centros escolares, hai que ter en conta que esta sinalización horizontal precisa unha reposición xeral”, explica o alcalde. Actuarase sobre pasos de peóns (cebreados), flechas e outros indicativos, delimitación de zonas de aparcamento… e outros elementos de sinalización horizontal. Dende o goberno municipal agárdase que o proxecto se poida aprobar canto antes para iniciar os traballos.