Silleda, 6 de febreiro de 2015. O Concello de Silleda volve acollerse ao Plan Provincial de Fomento do Emprego, cun proxecto para contar con 24 traballadores/as durante un periodo de seis meses. Este personal, outorgado a todos os Concellos da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes, adicarase no caso de Silleda ao desenvolvemento dun plan de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais.
Na solicitude realizada dende o Concello de Silleda propónse, ademais da limpeza de zonas urbanas e vías, o acondicionamento de áreas recreativas e sendeiros, así como a sinalización, desbroce e limpeza de camiños e zonas turísticas, así coma a realización de tarefas dentro do programa de aforro enerxético. O equipo estará formado por 6 peóns de varrendeiros, outros seis de xardinería, outros dous para desbroces, 1 peón electricista, 6 de construcción, 2 como pintores e 1 para limpeza de edificios.
A selección, ao igual que en anteriores convocatorias será realizada a través do Servizo Galego de Colocación (Oficina de Emprego). Estes contratos serán de intereses social a tempo parcial (25 horas semanais) e terán unha duración de 6 meses, formalizándose os contratos ao longo do vindeiro mes de marzo.