Silleda, 7 de febreiro de 2015. A Xunta de Galicia, a través do departamento de Patrimonio Cultural , remitiu en días pasados a comunicación de novos xacementos arqueolóxicos de recente descubrimento no municipio silledense. No listado, que chegou ao Concello a pasada semana figuran un total de 4 novos elementos, todos eles localizados na parroquia de Parada.
Trátase do petroglifo de Pena das Ferraduras; a Cova de Aldara, e a Cova de Penedo Redondo, así coma do abrigo rupestre denominado Casa de Xan de Ghabián. Todos eles están situados no lugar de Outeiro.
Estes novos achádegos foron catalogados o pasado Nadal logo do traballo realizado polos arqueólogos silledenses Israel Picón e Xulio Carballo en colaboración cos veciños e veciñas de Parada.
As fichas de inventario destes xacementos xa se remitiron á empresa redactora do PXOM para incorporar ao planeamento municipal que se está tramitando.
Con estes achádegos Silleda segue ampliando o seu vasto patrimonio arqueolóxico, sumando á parroquia de Parada á área formada polas parroquias de Oleiros, Laro, Cortegada, Siador e Refoxos, onde se concentran máis de medio centenar de xacementos.
Ademais de cinco castros (Orelas, Montaz, o de Cortegada, Casanova e o de Laro), tamén se atopan nesta zona numerosos petroglifos e mámoas.
Estes novos xacementos inventariados deben de incorporarse agoara ao catálogo de elementos patrimoniais do Plan Xeral, así coma aos planos de ordenación, ademais de ser tidos en conta á hora de autorizar actuacións que poidan afectar a estes bens ou ao seu entorno.
“Estes novos achádegos deben ser incorporados agora ao Plan Xeral, xa que ata o momento non tiñamos comunicación oficial dos xacementos, que veñen a engrosar tamén o patrimonio histórico cultural do municipio de Silleda”, sinala o alcalde e responsable de Urbanismo, Manuel Cuiña.
Reunión con Eptisa
Por outra banda, o alcalde está pendente de manter nos vindeiros días un encontro cos responsables de Eptisa, logo de que tivera que suspender a reunión prevista para o pasado mércores por motivos de saúde.