Silleda, 13 de febreiro de 2015. O Concello de Silleda vén de solicitar á Consellería de Traballo e Benestar a celebración dun obradoiro de emprego, baixo o título Auga e Pedra 2015. Este proxecto prevé contar con tres especialidades : hostalería e turismo; traballos de carpintería e moble e colocación de pedra natural, con 10 alumnos/as-traballadores por cada un deles, e dicir 30 en total.
Está destinado a persoas en situación de desemprego, maiores de 18 anos.
En cada unha das especialidades establécense varios módulos. Así, na de hostalería e turismo figuran cuestión como a realización de fichas para a posta en valor de recursos turísticos e patrimoniais (castros, petroglifos, edificios románicos) ou edicións turísticas sinxelas. A elaboración de programas didácticos, asistencia a feiras de turismo ou a elaboración de roteiros temáticos e paquetes turísticos, son algún dos temas protagonistas dos módulos.
En canto ás outras dúas especialidades, estas centraránse na realización de traballos para a recuperación de fontes e lavadoiros no rural, elementos etnográficos que forman parte da paisaxe de moitas parroquias.
Así, no listado de elementos a arranxar figuran a fonte lavadoiro de Saídres, a de Carboeiro, a de Reboredo (en Taboada); a de Costoia (Fiestras); a de Graba; a de Martixe, a de Xestoso e a de Manduas.
“Son construccións que se propón arranxar respetando a tipoloxía tradicional e poñendo en valor con esta actuación”, apunta o alcalde, Manuel Cuiña.
O proxecto contempla un amplo programa formativo para cada unha das especialidades con traballos específicos que buscan a posta en valor e dinamización do municipio tanto dende o punto de vista turísticos, patrimonial e medioambiental como a recuperación de elementos etnográficos.
En total solicitanse á Consellería 266.501,94 euros, o orzamento que se estipula para a contratación do personal directivo e docente, a contratación dos alumnos/traballadores e os custes de funcionamento e xestión do obradoiro, que tería unha duración de seis meses.
O alcalde Manuel Cuiña agarda “que dende a Consellería de Traballo se conceda por fin un obradoiro de emprego para Silleda, logo de varias propostas que non foron aprobadas nesta lexislatura”, engade.
Así, lembra que dende o ano 2008, cando se aprobou o obradoiro Ponte da Pedra, coa rehabilitación do Muiño de Covián, Silleda non volveu a contar con iniciativas similares.
“Agora presentamos un proxecto moi elaborado e detallado e contamos con que por fin poidamos volver a contar con un obradoiro de emprego, unha iniciativa moi interesante tanto dende o punto de vista formativo, como da inserción laboral”, engade, “sobre todo tendo en conta que ante a actual situación socioeconómica que estamos a vivir, iniciativas coma esta son moi necesarias e beneficiosas para municipios coma o noso”, engade.