Silleda, 23 de febreiro de 2015. O alcalde de Silleda e responsable de Urbanismo, Manuel Cuiña, mantivo hoxe un encontro cos redactores do PXOM de Silleda, para abordar distintas cuestións relacionada co documento.
Así, os técnicos explicaron que as respostas ás máis de 700 alegacións ao documento estarán listas nos vindeiros días . Cuiña advirte que “nun prazo máximo de 15 días comenzarán a remitirse as resolucións das alegacións, a maioría delas favorables, a todos aqueles veciños, propietarios e colectivos que presentaron as súas propostas de modificación”, engade.
“Como xa vimos anunciando son respostas individuais e personalizadas, algo que non é habitual neste tipo de procedementos, pero dende o goberno municipal cremos que é o máis axeitado, seguindo coa filosofía de participación e transparencia coa que fixemos a exposición do documento”, engade o alcalde.
Por outra banda, dende o Concello encargouselle á empresa redactora, Eptisa, un estudo par ver as posibilidades de reducir o solo rústico de protección de augas.
Este encargo, que se fai de xeito paralelo ao Plan Xeral, vén motivado pola grande cantidade de cauces (na súa maioría regatos) que existen no termo municipal de Silleda.
“Con esta medida, que non retrasaría agora os prazos, xa que é un estudo a maiores, o que buscamos é beneficiar aos veciños e veciñas do rural, axilizando a realización de trámites”, engade.
A día de hoxe, só restan por recibir os informes de Augas de Galicia e o de Cultura. O PXOM xa foi remitido o pasado mes de xaneiro a este último departamento autonómico coas correccións advertidas pola propia Consellería no seu primeiro informe.