Silleda, 5 de marzo de 2015. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, visitou en días pasados a aldea de Vilar de Graba, onde veñen de rematar as obras de mellora do acceso. Cuiña, que estivo acompañado polo concelleiro de Medio Rural, Klaus Brey, foi recibido polos veciños e veciñas do lugar cos que percorreu o tramo onde se realizaron os traballos.
“Trátase de unha inversión moi importante, xa que se as condicións do acceso melloraron moito con estas obras, nas que contamos coa inestimable colaboración dos veciños”, explica o alcalde.
Os traballos consistiron na dotación de formigón ao longo duns 300 metros do viario que discorre polo lugar. Nalgúns puntos tamén se procedeu ao ensanchamento do camiño.
Peche para salvar un desnivel
Tamén no lugar de Vilar de Graba, xusto no acceso dende a estrada provincial, se realizou un cierre de alambre para salvar un desnivel no que xa se produciron varias incidencias, como caídas de animais e mesmo un accidente mortal de tractor hai varias décadas.
Por outra banda, Cuiña informa que outra das necesidades máis apremiantes da parroquia de Graba, a mellora do acceso ao lugar de Pedrouzo, está xa tramitándose. “Esperamos poder acometer esta actuación canto antes, unha vez que teñamos o permiso de Augas de Galicia para poder realizar a canalización das pluviais”, engade o alcalde.