Silleda, 30 de marzo de 2015. O Concello de Silleda contará dende mañá e ata o mes de setembro con 24 novos operarios/as, ao abeiro do Plan Provincial de Fomento do Emprego. Este personal, outorgado a todos os Concellos da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes, adicarase no caso de Silleda ao desenvolvemento dun plan de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais.
O alcalde, Manuel Cuiña, acompañado dos concelleiros Klaus Brey e Pilar Peón, e de coordinadores de distintas áreas de traballo municipais, mantivo hoxe un encontro cos operarios seleccionados, que comezarán xa mañá a traballar.
A limpeza de zonas urbanas e vías, o acondicionamento de áreas recreativas e sendeiros, sinalización, desbroce e limpeza de camiños e zonas turísticas, e a realización de tarefas dentro do programa de aforro enerxético, son algunhas das actuacións que levarán a cabo.
O equipo estará formado por 6 peóns de varrendeiros, outros seis de xardinería, outros dous para desbroces, 1 peón electricista, 6 de construcción, 2 como pintores e 1 para limpeza de edificios.
A selección, ao igual que en anteriores convocatorias foi realizada a través do Servizo Galego de Colocación (INEM). Estes contratos serán de intereses social a tempo parcial (25 horas semanais) e terán unha duración de 6 meses.