Remata o proxecto de dinamización da parroquia de Cira coa instalación de paneis turísticos e a creación dun sendeiro

Silleda, 6 de abril de 2015. O Concello de Silleda está a rematar estes días o proxecto de dinamización turística da parroquia de Cira. Logo de realizar o pasado ano a mellora e acondicionamento da área de baño da localidade, no lugar coñecido como Xunta dos Ríos (onde conflúen o Ulla e o Deza), estanse a colocar os paneis informativos co mapa turístico da zona.

Estas actuacións realizáronse a través da aportación municipal e da axuda para zonas de Concellos incluídos na rede Natura, con unha inversión total de 22.000 euros.

A iniciativa ten como obxectivo a mellora da paisaxe e o mantemento das condicións ambientais. Con esta actuación tamén se busca a posta en valor de elementos históricos, patrimoniais ou culturais que sexan representantivos da paisaxe agraria tradicional.

O proxecto realizado dende a Concello de Silleda, busca mellorar a paisaxe agraria e desenvolver usos recreativos.

 

A aportación municipal, aparte da man de obra, incide no deseño destes mapas que se están a colocar e o resto do material. En total colocaranse 7 paneis nas súas respectivas marquesiñas, nos lugares de Vilar, O Curro, Santa Baia, O Candao, A Cruz, Fucarelos e na Xunta dos Ríos.

Sendeiro circular

Ademais dos paneis, que se decidiron pospoñer para despois do inverno, tamén se crea un sendeiro circular na parte baixa da parroquia, un percorrido paralelo ao cauce do Ulla que discorre polos lugares de A Cruz, O Candao, Rendo e Fucarelos. A partir de mañá está previsto colocar as sinais neste roteiro, que tamén identificará ás explotacións de fruta, legumes e flor existentes durante o percorrido.

 “Logo de acondicionar a praia fluvial de Cira, onde se creou unha área recreativa e de sinalizar este enclave dende diferentes puntos, agora rematamos o proxecto coa dotación dos paneis e a creación deste roteiro, para promocionar e dinamizar este entorno rural”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

          

No caso concreto de Silleda a superficie incluía na Rede Natura 2000 é de 2.127 hectáreas, o que supón un 12,67% do territorio municipal. Conforman este espazo as Brañas de Xestoso, a Serra do Candán e o Sistema Fluvial Ulla-Deza, no que se atopa este entorno.

A zona onde promove a actuación a Concellería de Medio Ambiente e Medio Rural atópase  na parte fonda e llana da parroquia de Cira, a tan só 67 metros sobre o nivel do mar, delimitada polos ríos Ulla e Deza. Ten unhas dimensións aproximadas de 1,10 km en sentido Norte e 1,3 km en sentido leste-oeste.  Figura recollida na Rede Natura 2000, como Lugar de Interese Comunitario (LIC) do Sistema  Fluvial Ulla-Deza.

Entre as características da parroquia de Cira destacan o seu clima benigno, moi apto para cultivos hortofrutícolas de gran calidade,  como xudía, tomate, pementos, leitugas, etc; a abundancia de invernadoiros dedicados a cultivo de flor de gran calidade; ou a existencia de destacadas explotacións de mazá. Esta parroquia silledense, que alberga ademais coutos de pesca de salmón, está incluída na Denominación de Orixe Rias Baixas con produción de Alvariño. Como elementos do seu patrimonio histórico artísticos destacan o antiguo castelo, fundado no S. XII por Bernardo Xoan de Deza e posteriormente feudo da Raiña Dona Urraca e o Conde de Altamira; o pazo de Paizás, igrexas e as casas solaregas.

O obxectivo da actuación promovida polo Concello de Silleda  pasa por potenciar aquelas actividades que, sendo compatibles coa conservación da natureza, contribúan á mellora da calidade de vida e, por extensión ao desenvolvemento do territorio rural do municipio.