Silleda, 14 de abril de 2015. O Concello de Silleda vén de asinar un convenio para rematar o traballo da Relación de Postos de Traballo da plantilla municipal e para a súa posta en marcha. O traballo estará dirixido por Francisco Jesús Ferreiro Seoane, profesor de Economía Aplicada na Universidade de Santiago e profesor da Escola de Relacións Laborais da Universidade de A Coruña.
O pasado mes de febreiro xa se celebrou no Concello un encontro con este profesor universitario para estudar as posibilidades de poñer en marcha a iniciativa .
O alcalde, Manuel Cuiña, na xuntanza que mantivo co comité de empresa e os sindicatos a finais de 2014 xa avanzara a intención do goberno municipal de poñer en marcha a RPT. “Consideramos que a situación económica actual do Concello, logo da xestión realizada polo goberno municipal, permite poñer en marcha esta actuación para regularizar e reordenar a plantilla municipal”, explica o alcalde, que remarca que “con esta iniciativa dende o goberno damos cumprimento ao compromiso adquirido coa Mesa de Persoal para a posta en marcha da RPT”, engade.