Silleda, 13 de maio de 2015. O Concello de Silleda, co ánimo de seguir mellorando o entorno da praza da Igrexa, ten proxectado realizar unha nova actuación na fonte que se atopa neste emplazamento.
Á vista de que a actual fonte está a día de hoxe apagada polo elevado consumo enerxético que supón, dende o goberno local estase a estudiar levar a cabo unha nova actuación para mellorar dende o punto de vista estético este enclave.
Así, proponse eliminar a fonte actual e crear no seu lugar un conxunto arquitectónico que simbolice o territorio de Silleda. “A idea é colocar unha pedra por cada unha das 33 parroquias, e colocalas formando o mapa do noso término municipal”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.
Esta fórmula, permitirá que durante o verán se poida encender a fonte, utilizando os pertinentes dispositivos de aforro enerxético. “Incluso temos a idea de usar a fonte a modo de calendario festivo, facendo por exemplo que se emita un chorro máis alto na parroquia que esté de festa en determinados días”, explica.
A día e hoxe o goberno local xa dispón dun boceto con esta idea. “Consideramos que é unha boa proposta para sustituir a fonte que se atopa na esquina desta plaza, xunto a avenida do Parque. Así contariamos con un conxunto arquitectónico orixinal e que melloraría estéticamente a zona, que leva asociada tamén a simboloxía de representar a Silleda, con unha pedra por cada parroquia”, explica Cuiña.
Mellora da zona
Esta proposta vén a sumarse á mellora estética prevista para esta zona, onde xa está aprobado o proxecto de remodelación da rúa que vai por detrás da igrexa, e que remata precisamente á altura da fonte.
A actuación, con unha inversión de 62.093 euros , homexeneizará os pavimentos desta zona, formando unha unidade xunto co entorno do templo parroquial e da avenida. O goberno local procederá a licitar as obras nos vindeiros días.
Este pavimento revalorizará as características estéticas do conxunto, dando unha sensación de unidade espacial e ao mesmo tempo suprimindo as barreiras arquitectónicas e polo tanto mellorando a accesibilidade.
Nesta obra empregarase un pavimento único de lousa de granito igual á existente no lugar, executándose as pendentes necesarias para o correcto desaugue na rede de sumidoiros. Tamén se limparán e adecuarán os muretes perimetrais da igrexa e do parque infantil, para lograr un acabado unificado e respetuoso ca zona.
“A proposta para remodelar a fonte enmarcase na actuación para mellorar todo este entorno”, explica o alcalde.