Comezan as obras de mellora da praza Camilo José Cela da Bandeira

Silleda, 19 de maio de 2015.  O Concello de Silleda vén de iniciar o proxecto de mellora e acondicionamento da praza Camilo José Cela da Bandeira.

Os traballos, con unha inversión de 44.628 euros máis IVE, comezaron hoxe martes coa creación da senda peonil na rúa Lavadoiro, que une a citada praza ca rúa da Empanada.

Esta senda, de uns 200 metros de lonxitude, sitúase na marxe dereita do tramo, (en dirección á rúa da Empanada) e contará coa dotación de 9 puntos luz. 

A senda irá en formigón impreso de 2 metros de ancho. “Para completar esta mellora dotaremos de alumeado esta zona, unindo a praza coa rúa da Empanada, outra actuación que se viña demandando”, engade Cuiña, que recorda que nas inmediacións desta praza se atopan servizos coma o Centro de Saúde, o CEIP e o pavillón polideportivo, “polo que cremos fundamental remodelar este entorno”, engade.

 

As obras continuarán coa reforma da praza, actuando na zona da escalinata que da acceso ao CEIP da Bandeira, e que se atopa moi deteriorada. As obras acometeránse con cargo aos fondos que lle corresponden ao Concello dentro do Plan de Mantementos de Servizos e Infraestruturas Municipais (PUSIM) deste ano.

“Con estes traballos búscase mellorar esta zona tanto dende o punto de vista da seguridade e accesibilidade como tamén a nivel estético”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

Así, lembra que o mal estado das escaleiras xa ten suscitado as queixas dos veciños e usuarios. Ademais, tamén se teñen rexistrado situacións de perigo co paso de motos ou quads polas escaleiras, “o que supón tamén un deterioro da estrutura”, engade.

Para evitar precisamente situacións como estas o proxecto de remodelación e mellora incluirá o arranxo das escaleiras ás que se dotará dun pasamanos continuo, para garantir a accesibilidade. Tamén se fará un mirador na cima das escaleiras que impida o descenso de vehículos pola escalinata e que mellorará dende o punto de vista estético este acceso.