Silleda, 9 de xuño de 2015. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, acompañado polos edís electos que formarán parte do grupo de goberno municipal, deu a coñecer hoxe en rolda de prensa o reparto das áreas, atribucións e outras novidades para a vindeira lexislatura, que se iniciará o vindeiro sábado día 13 co Pleno no que tomarán posesión os membros da nova Corporación municipal (ás 13.00 horas).
O alcalde, Manuel Cuiña, continuará mantendo as competencias de Urbanismo, Facenda, Seguridade, Tráfico e Réxime Interior. Klaus Brey Montaña, continuará sendo o primeiro tenente de Alcalde, e levará a Concellería de Obras e Servizos, áreas donde se inclúen todos os traballos relativos a limpeza viaria, xardinería, mantemento…).
Unha das novas caras do goberno municipal, Ana Luisa González Costa, será segunda tenente de Alcalde, e terá as competencias en Emprego, Comercio, Industria, Deportes e Persoal.
Jesús Taboada Lázara, outro dos novos edís levará á area de Medio Rural, e Mª Pilar Peón Iglesias continuará coas atribucións en Educación e Sanidade e sumará outra das áreas fortes da acción de goberno: Benestar Social e Igualdade.
Mª José Fernández Rodríguez, tamén nova na Corporación, levará Turismo, Xuventude, Normalización Lingüística e Comunicación Social, e Luis Rodríguez Vázquez a área de Medio Ambiente.
Estes dous edís compartirán a Concelleria de Cultura, unha das novidades presentadas hoxe por Manuel Cuiña.
“Queremos incorporar este novo sistema de atribucións compartida xa que Silleda é unha potencia cultural, con numerosas actividades”, explicou Cuiña na súa comparecencia. María José Fernández e Luis Rodríguez compartirán o departamento baixo a coordinación do alcalde, que considera que “se precisa esta fórmula de atribucións compartidas para dar resposa a moitas actividades que precisan de loxística e asistencia xunto coa atención a colectivos e asociacións”, engade.
Nas vindeiras semanas celebrarase o Pleno de organización, no que se fixarán cuestións relativas ao funcionamento municipal , integrantes de órganos colexiados e adicacións.
Con respeto a estas últimas, Cuiña avanzou que se establecerán tres dedicacións, ao igual que aconteceu ao inicio da pasada lexislatura.
Á do alcalde, con 41.846 euros brutos anuais en 14 pagas (o mesmo que está cobrando), súmase a dedicación exclusiva do primeiro tenente de alcalde, Klaus Brey, con 28.197,27 euros brutos anuais tamén en 14 pagas.
A terceira dedicación divídese en dúas parciais, que continuarán percibindo a concelleira Mª Pilar Peón e o concelleiro Luis Rodríguez, con 18.830,70 euros brutos anuais.
Xunta de Goberno Local
O rexedor silledense tamén adiantou cambios no Regulamento Orgánico do Concello.
A Xunta de Goberno Local estará formada polo alcalde e os dous tenentes de Alcalde, ademais de por Jesús Taboada e María José Fernández. Respecto a este órgano colexiado, a periodicidade cambia e celebrarase cada 15 días en lugar de semanalmente, como se viña realizando.
Os representantes do Concello na Mancomunidade serán Manuel Cuiña, Klaus Brey e Jesús Taboada, e o alcalde tamén continuará representando á entidade na Fundación Semana Verde de Galicia. A concelleira de Educación, Pilar Peón, será a representante na Fundación María Colmeiro.
Plenos en horario de mañá
Outro dos cambios no regulamento será o horario das sesións plenarias ordinarias. Continuarán celebrándose o último xoves dos meses impares, pero en lugar de ser ás 20.00 horas celebraránse pola mañá, ás 11.00 horas. “A decisión de cambiar os plenos ao horario de tarde adoptouse para facilitar a asistencia dos veciños, pero está visto que a xente aquí non ten costumbre de asistir, e os poucos que veñen incluso nos teñen manifestado que lles resulta máis fácil vir en horario de mañá”, engadiu o alcalde.
Asistencia a Órganos colexiados
No pleno organizativo, que se fixará nos vindeiros días, tamén se aprobarán as contías por asistencia a órganos colexiados, que se incrementan respecto á lexislatura anterior. Así, por asistencia á Xunta de Goberno a contía será de 97 euros; por asistencia a pleno de 75 euros (antes eran 72) e por asistencia a Comisións Informativas, 48 euros, en lugar dos 24 que percibían agora.
Aprobación dos orzamentos, primeira medida
A primeira acción do novo goberno municipal será a aprobación dos orzamentos municipais. Cuiña avanzou que nos días seguintes ao pleno de Organización se convocará outro para aprobar os orzamentos, cun montante global que rozará os 6,3 millóns de euros.
O alcalde avanzou que o orzamento de Silleda contará con unha inversión histórica : 1,2 millóns de euros, “xa que aos máis do 700.000 euros que xa se incluiron no presupuesto que botou abaixo a oposición en decembro do pasado ano, a día de hoxe xa temos confirmadas cantidades doutras Administracións”, avanzou.
Cuiña lembrou que a inversión de maior contía será a do Centro de Día Residencial, cunha partida de entre 250.000 e 300.000 euros, “que xunto co donativo que temos de Don Avelino Ramos, de 200.000 euros, e outra cantidade similiar para o vindeiro ano nos permitirán construir este ansiado edificio”, explicou.