Silleda, 17 de xuño de 2015. A Romaría do Rapaz celebra a súa vixésimo séptima edición o vindeiro domingo día 28. A cita, no recinto da Saleta, en Siador, contará con actividades xa clásicas e outras novas, e terá como temática ao coñecido personaxe de debuxos Bob Esponja.
Esta festa singular e única en Galicia, onde os cativos son os protagonistas e tamén organizan a maioría das actividades, coa coordinación dende a Concellería de Cultura, arrancará ás 11.00 horas coa apertura de obradoiros, inchables, actividades deportivas e multiaventura, que continuarán durante toda a xornada.
Entre os obradoiros figuran un de elaboración de pan, de pulseiras artesanais, de barro, de goma eva, de cocktail sen alcohol, e de monicreques, que se suman aos xa tradicionais de maquillaxe e chapas.
Os nenos poderán disfrutar este ano cos inchables adicados ao personaxe protagonista e nas actividades deportivas ofértanse xadrez (con partidas simultáneas); o futbolín humano, e como novidade haberá unha sesión de zumba para todos os que queiran asistir a partir das 17.45 horas.
Tirolina, Rocódromo, kartbike e Zorbing, protagonizan as actividades multiaventura deste ano.
Animación do recinto, carnés de Fondo de Bikini
Durante toda a xornada celebraranse actividades musicais e de animación do recinto. A actuación do grupo Les Bregadiers abrirá o apartado de actuacións musicais, no que tamén figura a charanga Chourizo Criollo de Silleda.
Zancudos e malabaristas, cabezudos e os diverpaiasos completan as actividades de animación. Tamén haberá servizo de palomiteira –de balde para todos os asistentes- e un photocall de Fondo de Bikini, que correrá a cargo da Anpa do CEIP de Silleda.
“Para completar a temática elixida deste ano todos os asistentes poderán facer ademais o seu carné de empadronamento de Fondo de Bikini, o lugar onde vive Bob Esponja e o resto de personaxes desta serie de animación seguida por milleiros de nenos e nenas”, explica a concelleira de Cultura, María José Fernández, que hoxe presentou o progama xunto co outro concelleiro responsable da área, Luis Rodríguez, e o alcalde, Manuel Cuiña.
Tamén ás 12.30 horas haberá Eucaristía Infantil. O recinto volverá a contar con servizo de pulpeiro.
Espectáculos e Fin de Festa
Pola tarde, ás 16.30 terá lugar o espectáculo “Dueto de Fío”, de Títeres Viravolta e ás 18.00 horas tocaralle o turno a “O Circo dos Contos” , de Cristina Collazo.
A partir das 19.00 horas darán comezo os actos de fin de festa do programa, no anfiteatro do recinto. Así, haberá unha exhibición de zumba e kun fu a cargo dos alumnos/as das Escolas Deportivas de Silleda e a continuación comezará un dos clásicos da Romaría do Rapaz: o desfile de moda confeccionada con materiais de refugallo.
Está previsto que no desfile participen medio centenar de nenos e nenas, que confeccionarán os traxes na vindeira semana.
O espectáculo final correrá a cargo de Cía Mundo Mandarina, coa proposta “Laboratorio Máxico”. Mandarina, unha paiasa algo trapalleira e o seu paxaro Rigoberto serán os encargados de poñer o broche de ouro a esta edición.
O vindeiro luns día 22 de xuño tamén comezarán na Casa de Xuventude de Silleda os obradoiros de preparación, no que os nenos e nenas realizan as súas creacións para decorar o recinto. Así mesmo, a confección dos orixinais modelos que se amosarán na pasarela do anfiteatro, realizarase nas instalacións do CEIP de Silleda.
A concellería de Cultura agradece ás entidades, empresas, asociacións, veciños, voluntarios, clubes deportivos e pais saletinos de Siador, a súa aportación “a esta festa única, que de seguro volverá a encher de ilusión a moitos nenos e nenas”, engade o alcalde.