Silleda, 27 de xuño de 2015. O Concello de Silleda sumouse ao programa Depogap: xestión de activos da provincia de Pontevedra, que ten por obxectivo principal dotar aos municipios de información interna que lles permita optimizar a xestión dos seus activos e que lles axude na toma de decisións.
Por activos municiopais enténdese o conxunto de bens, dereitos e recursos que pertencen ao ámbito municipal (edificios públicos, instalacións polideportivas, centros de ensino, vías públicas, parques e xardísn, iluminación pública, flota de vehículos, redes de auga e sumidoiros, iluminación pública…).
O alcance e desenvolvemento do proxecto Depogap contempla a realización dun inventario de activos, no que se recopilarán todos os bens e recursos do ámbito municipal.
“En Silleda precisamos contar con un inventario de bens municipais e por iso consideramos que este programa é unha boa oportunidade para levar a cabo este traballo, que ademais non ten custes para as arcas municipais”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.
Da integración nesta iniciativa, cofinanciada a través de fondos FEDER, deuse conta o pasado martes en Xunta de Goberno Local.
O programa inclúe tamén a elaboración dun catálogo de normas e procedementos de actuación dos activos municipais para garantir a súa actualización de forma continuada, así como dotación de unha plataforma tecnolóxica para a xestións dos activos a nivel provincial., entre outros.
“A través deste convenio realizarase o inventario de bens municipais no que figurarán dende o alumeado público, a edificios, rede eléctrica, sumidoiros, cemiterios…ata as estacións depuradoras”, indica Cuiña.
Dende o Concello de Silleda poñerase a disposición do equipo encargado de realizar o traballo toda a información necesaria.
A través deste inventario optimizarase a xestión dos recursos públicos, outro dos obxectivos do programa, xa que estes activos e o seu mantemento constitúen unha das principais partidas de gasto nas administracións, polo que a mellora na súa xestión é tamén fundamental.