Silleda, 2 de xullo de 2015. O Concello de Silleda vén de remitir propostas a arquitectos e arquitectas de Silleda para que presenten as súas ideas de cara á realización do proxecto do Centro de Día Residencial.
Esta actuación é a gran prioridade do goberno municipal e figura xa no orzamento municipal deste ano aprobado o pasado martes, con unha partida de 250.000 euros para iniciar as obras.
Así, dende o Concello remitíronse propostas a 9 arquitectos e arquitectas de Silleda, 3 deles inscritos no programa municipal Silleda Emprega, convidándoos a presentar as súas propostas e ideas de cara á realización do proxecto.
Na misiva recórdase que o plantexamento pasa por contar con un edificio que poida ser ampliado nun futuro, e que ademais de Centro de Día, conte con inicialmente con entre 15 e 20 prazas residenciais.
Por tratarse dunha actuación prioritaria, establecese un prazo para a presentación de propostas ata o vindeiro 31 de xullo.
“Con esta iniciativa esperamos contar con diferentes propostas para proceder despois a encargar o proxecto da obra, unha das máis necesarias e agardadas”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.
A residencia construirase na finca situada no recinto feiral de Silleda, fronte ao hotel Vía Argentum, con máis de 8.000 metros cadrados e que adquiriu o Concello en virtude do convenio de compensación de débedas entre a Administración Local e a Fundación Semana Verde.
Aos 250.000 euros da partida orzamentaria, sumaranse outros 200.000 euros froito da doazón comprometida polo empresario D. Avelino Ramos. “Nos orzamentos do vindeiro exercicio volveremos a contar con unha partida para este edificio”, indica Cuiña.
Na mesma invitación figura tamén outro proxecto: a posible reubicación de todas as dependencias municipais na actual Casa da Cultura.
“Esta iniciativa non é apremiante, e en todo caso non se levará a cabo sen antes realizar unha consulta popular entre os veciños e veciñas de Silleda”, lembra o alcalde, polo que neste caso non se establece prazo algún para presentar propostas.