Silleda, 20 de agosto de 2015. A responsable municipal de Deportes e alcaldesa en funcións, Ana Luisa González Costa, mantivo hoxe un encontro co presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, para continuar avanzando nas xestións coas que se busca dotar a Silleda dun complexo deportivo. Tamén asistiu o técnico encargado do proxecto.
“Foi unha reunión de avance sobre a proposta de traer para Silleda a única pista cuberta de Atletismo de Galicia”, explica a concelleira.
Ana Luisa González advirte da “situación estratéxica” do municipio silledense para albergar estas instalacións, “o que suporía sacar maior partido as instalacións do recinto feiral da Semana Verde”, así como unha oportunidade “para unha necesidade latente que ten o deporte en Galicia, ao non contar con ningunha pista cuberta”, engade.
Neste novo encontro a concelleira e Hornillos –que tamén é presidente da Unión de Federacións Deportivas Galegas-, analizáronse cuestións coma o orzamento do proxecto, ou posibles campionatos que poderán celebrarse.