Silleda, 9 de outubro de 2015. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra publicou hoxe o anuncio de licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas dependentes, por un prazo de dous anos prorrogable por outros 2.
As condicións de adxudicación foron aprobadas no último pleno ordinario do pasado 24 de setembro.
Segundo o anuncio, as empresas que queiran optar á xestión deste servizo disponen dun prazo de 13 días naturais contados a partir de mañá, co que as ofertas se poden presentar ata o vindeiro xoves día 22.
O orzamento de licitación calcúlase sobre o prezo por hora, distinguindo entre o servizo ordinario (laborables e sábados pola mañá), con 11,70 euros/hora (IVE excluído) e extraordinario (sábados pola tarde, domingos e festivos), con 13,70 euros/hora.
A adxudicación será por procedemento aberto e as empresas disponen de toda a documentación (pregos administrativos e técnicos) no Perfil do Contratante da web municipal de Silleda (www.silleda.gal) no apartado de Servizos.
O servizo foi externalizado polo Concello de Silleda o pasado ano, subrogando a empresa adxudicataria ás 5 traballadoras municipais do servizo. O cadro de persoal actual está formado por 20 empregadas.