Silleda, 13 de outubro de 2015. A Biblioteca pública municipal Daniel Castelao, de Silleda, continua a participar no programa Ler conta moito, para a dinamización da lectura. Logo das actuacións realizadas no mes de abril, coincidindo co Día do Libro, e o 16 de maio, na Semana das Letras, o programa deste ano remata en Silleda o vindeiro xoves día 22 con outra actuación para o público infantil.
A cita será ás 17.00 horas con Pablísimo e os seus Contos Batracios, unha proposta dirixida preferentemente a nenos e nenas de 4 a 9 anos.
O autor traerá a Silleda o espectáculo Rás, Contos Batracios, unha actividade de dinamización adicada a sapos e rás, figuras moi presentes na literatura infantil e xuvenil.
Con esta actuación conmemórase tamén o Día das Bibliotecas, que se celebra o 24 de outubro.
”O público máis novo será o protagonista desta iniciativa que ten como principal obxectivo o fomento e dinamización da lectura nas bibliotecas públicas, contribuindo á promoción da lectura como vehículo de enriquecemento”, engade a concelleira de Cultura, María José Fernández. O programa foi posto en marcha pola Consellería de Cultura e Educación, a través a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración cos Concellos.