Silleda, 23 de outubro de 2015. O Concello de Silleda, a través do departamento municipal de Medio Ambiente, que dirixe Klaus Brey, e a entidade Ecovidrio mellorarán a recollida selectiva de vidro con novas dotacións, mediante o chamado Programa Horeca, para o sector da hostalería.
Con esta iniciativa substituiránse 17 colectores de vidro situados nos cascos urbanos de Silleda e da Bandeira por outros novos que incorporan o chamado sistema Vacri, para o vaciado directo de colectores pequenos mediante un dispositivo de elevación hidráulico.
“Estes 17 colectores colocaránse en distintos puntos dos dous cascos, en posicións estratéxicas tratando de situarse en zonas que concentren a distintos locais hostaleiros, que son os que máis precisan deste servizo”, explica o concelleiro.
Ecovidro, entidade sen animo de lucro que dende o pasado mes de maio realiza directamente a xestión integral da recollida de vidro en Silleda, tamén dota ao Concello doutros 46 cubos con rodas de gran capacidade para trasladar os envases ata os colectores.
Estes colectores pequenos con rodas (con dous modelos de distintas capacidades, con 40 e 60 litros respectivamente, entregaranse a outros tantos establecementos do sector da hostalería de Silleda e da Bandeira que participaron previamente na enquisa realizada dende o Concello de Silleda, e que deu pé a un estudo posterior da Concellería de Medio Ambiente para a colocación dos colectores.
“Nos vindeiros días serán convocados os responsables destes 46 locais hostaleiros para explicar os pormenores desta campaña e entregarlles os colectores”, indica o concelleiro Klaus Brey, que avanza que os iglús se colcarán a partir da vindeira semana.
O programa Horeca de Ecovidrio resulta fundamental para o incremento da cantidade de envases depositados, xa que a hostalería consume o 48% dos envases de vidro (botellas, tarros e frascos). Por esta razón, é clave informar aos membros do sector da importancia de realizar unha correcta separación dos envases de vidro en orixe.
“Aínda que se trata dun servizo para toda a cidadanía, consideramos fundamental que a hostelería do noso municipio dispoña de facilidades á hora de dar saída a este tipo de residuos”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, que supervisou xunto con responsable de Medio Ambiente a montaxe dos colectores enviados por Ecovidrio.
A entidade, que opera en toda España dende o ano 1998, encargándose de xestionar íntegramente a cadea de reciclado –mediante a recollida selectiva, trasporte, tratamento e posterior comercialización-, asumiu o pasado mes de maio a xestión directa en Silleda.
Reubicación dos colectores que se substitúen
Ademais da recollida, a compañía encárgase da limpeza –dúas veces ao ano- e mantemento dos colectores, así como de analizar mensualmente os datos de recollida por cada unidade, datos que axudan á hora de optimizar a xestión.
Ecovidrio, á que o Concello de Silleda lle agradece esta nova dotación, tamén ofrece a xeoposición dos colectores, para poder localizalos de xeito inmediato, así como a posibilidade de reubicar colectores ad hoc en caso de celebracións ou eventos extraordinarios.
Esta iniciativa, sen ningún tipo de custe para o Concello de Silleda nin para os usuarios, permitirá ao departamento de Medio Ambiente, contar ademais cos 17 colectores de gran capacidade que se substitúan en Silleda e na Bandeira, e que se reubicarán en distintos puntos do municipio, atendendo ás necesidades existentes.