Silleda, 27 de outubro de 2015. A mostra Insectos Xilófagos Devoradores de Madeira, con fotografías realizadas por Rafael Estévez Rodríguez, chega a Silleda o vindeiro mes.
Esta exposición está organizada pola Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia xunto coa Deputación e o Museo de Pontevedra. A mostra fotográfica poderá verse na Casa da Cultura de Silleda do 6 ao 20 de novembro.
Así mesmo esta mostra inclue a realización dun obradoiro de fotografía da Natureza, dirixido a maiores de 12 anos e impartido polo propio autor da exposición. Esta actividade celebrarase o sábado 7 de novembro, a partir das 17.30 horas.
As persoas interesadas deben de anotarse previamente chamando ao Concello (986 580000).
Esta mostra achega ao público con todo detalle ás formas e o colorido que posúen os insectos deste tipo e que, moitas veces, pasan inadvertidos a simple vista.
Rafael Estévez nace una Ribeira Sacra en 1954 e pouco despois emigrou coa súa familia ao Reino Unido, onde cursou estudios.Voltou a Galicia a finais dos anos 70, asentándose na cidade de Vigo, onde reside actualmente.
Fotógrafo experto en lepidópteros, colaborou con distintos proxectos entomolóxicos, aportando datos para distintas publicacións a nivel nacional ou interesantes proxectos como o de bolboretas galegas.
Ademais é socio de diversas institucións entomolóxicas, coma a SHILAP (Sociedad Hispano-Luso-Americana de Lepidopterologia); SEA (Sociedad Entomológica Aragonesa), Sociedad Catalana de Lepidopterologia. É socio fundadaor de AEIEMNA (Gabinete entomológico de Vigo).