Silleda, 29 de outubro de 2015. O Concello de Silleda comezou xa a traballar no deseño da programación de Nadal 2015-2016. Así, hoxe celebrouse na Casa da Cultura a primeira reunión á que acudiron os membros do goberno local e técnicos municipais de distintos departamentos, co fin de iniciar os preparativos para o calendario de actividades.
O programa, para o que se celebrarán novos encontros, entre eles con distintos colectivos e asociacións, contará con actividades xa clásicas, coma a Cabalgata de Reis, concertos e obradoiros para os máis pequenos, pero tamén con outras novidades que se irán perfilando nas vindeiras semanas.
“A programación de Nadal require moita coordinación e traballo, xa que é unha das épocas do ano con máis actividad lúdica e cultural no municipio, con unha oferta moi variada, para todas as idades, e na que se implican todos os departamentos do Concello”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.
Silleda Solidaria e fondos para o Sáhara
O que xa está definido é que algunhas das actuacións terán carácter solidario. Así, na reunión de hoxe acordouse realizar dous tipos de actividades neste senso: unhas destinadas ao programa municipal Silleda Solidaria, coa recollida de alimentos e xoguetes e outras que se destinarán aos campamentos dos refuxiados saharauis, que están a atravesar unha difícil situación coas graves inundacións que asolaron estas zonas.
“No caso de doazóns económicas, todos os cartos que se recauden durante as actividades de nadal serán ingresados na conta bancaria que está xa aberta para paliar a crise humanitaria que se está a vivir no Sáhara”, indica o rexedor.
Ademais de Cuiña tamén acudiron a esta primeira reunión a concelleira de Cultura, María José Fernández, os dous tenentes de alcalde, Klaus Brey, e Ana Luisa González, a concelleira de Xuventude, Aida Castro e a de Igualdade e Benestar Social, Pilar Peón, así como os técnicos de distintos departamento municipais.