Silleda, 3 de novembro de 2015. O Concello de Silleda, a través do departamento de Medio Ambiente, continúa coa limpeza de vertedoiros incontrolados en distintos puntos do termo municipal.
Así, esta mañá operarios municipais procederon a retirar numerosos residuos –cunha inxente cantidade de latas de bebidas-nas inmediacións dunha pista cercana ao recinto ferial Semana Verde e ao hotel Vía Argentum. Retiráronse máis de 10 sacos de lixo.
Este é un dos puntos habituais nos que se vén detectando –de forma reiterada-o depósito de residuos, e nos que se procederá á colocación de sinais informativas advertindo da prohibición de depositar lixo e as sancións ás que se enfrontan os responsables, con multas de ata 3.000 euros.
“Non podemos consentir que haxa lugares nos que despois de que se limpe se volvan a crear novos vertedoiros”, indica o concelleiro de Medio Ambiente, Klaus Brey, que advirte que en lugares coma este “se intensificará a vixiancia policial para dar co responsable ou responsables deste tipo de feitos”, engade.
No último ano, o departamento municipal limpou máis dunha ducia de vertedoiros incontrolados situados xunto a vías ou terreos de titularidade pública, “moitos deles con carácter reincidente, ao igual que o que se adecentou hoxe”, indica Brey.
Así, procedeuse á limpeza de vertidos incontrolados en Graba, Escuadro, Abades, Cortegada, A Bandeira ou Silleda, entre outros. O concelleiro tamén advirte que a estes casos súmase “a acumulación indebida de residuos en fincas ou terreos de titularidade privada”.
“Temos casos que son moi graves, con acumulación de todo tipo de residuos, dende electrodomésticos, restos de vehículos ou cascasllos de obras”, indica.
O concelleiro advirte da “dificultade que supón en moitos casos identificar as responsables destes vertedoiros”, pero advirte que no caso de dar co responsable ou responsable “haberá sancións exemplares, porque non podemos permitir que en Silleda sigan aparecendo vertedoiros desta maneira”, engade.
Dende o goberno municipal de Silleda apélase á conciencia dos cidadáns á hora de depositar residuos, e lémbrase así mesmo que no municipio hai un punto limpo onde se poden facer depósitos tanto de electrodomésticos como de outros enseres de xeito totalmente gratuito. Este servizo, situado en Margaride, está aberto todos os mércores e sábados en horario de mañán (de 09.00 a 14.00 horas).