Silleda, 4 de novembro de 2015. O executivo municipal de Silleda acordou en Xunta de Goberno Local outorgar 1.000 euros en concepto de axuda humanitaria aos campamentos de refugiados saharauis, que están a vivir unha situación de extrema urxencia ante as graves choivas torrenciais do mes pasado que arrasaron os campamentos devastando milleiros de fogares e de entidades.
Esta cantidade ingresarase na conta bancaria aberta pola Media Luna Vermella Saharaui en colaboración con Solidariedade Galega co Pobo Saharaui en Abanca, na que se recollen fondos para afrontar as necesidades máis urxentes (auga potable, alimentos, mantas…) dos milleiros de persoas afectadas.
“Cremos que é de xustiza colaborar con esta causa, como vimos facendo noutros ámbitos”, incide o alcalde, Manuel Cuiña, que volve facer un chamamento á cidadanía, para colaborar na medida das súas posibilidades “cun pobo que despois de 40 anos de ocupación volve a sufrir agora con este revés polas graves inundacións”, indica Cuiña.
Así mesmo, o alcalde avanza que o grupo de goberno levará ao vindeiro pleno ordinario do día 26 unha moción para instar ao Estado español a que actúe ante a grave crisis humanitaria que están a vivir os campamentos de Tinduf “unha crise que non está a ter repercusión a nivel mediático e que precisa de medidas urxentes”. Así mesmo, tamén lembra que España “non pode desentenderse da súa responsabilidade neste conflicto, cando están a punto de cumplirse os 40 anos de ocupación por parte de Marrocos”.