Silleda, 6 de novembro de 2015. O Concello de Silleda iniciará unha campaña de sensibilización no comercio e a hostalería locais con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xenéro, que se celebrar o vindeiro 25.
Así, e de cara a preparar as accións a levar a cabo, as responsables dos departamentos municipais de Igualdade –Pilar Peón- e de Comercio e Turismo, Ana Luisa González- mantiveron hoxe un primeiro encontro cos presidentes dos colectivos de comercio (ECOS), Alberto Iglesias, e de hostalería, José Luis Fernández.
Neste encontro as concelleiras explicaron a súa proposta para facer partícipes ao comercio e a hostelería “na necesaria visibilización e sensibilización ante unha das lacras máis graves da sociedade como é a violencia de xénero”, engade Ana Luisa González.
Así entre outras cuestións, presentáronse distintos lemas para colocar nos locais na campaña deste 25-N. O vindeiro martes celebrarase un novo encontro para fixar xa as frases definitivas, unha vez que os responsables dos colectivos consulten cos seus asociados.
Dende o Concello de Silleda agradécese a colaboración e implicación destes dous sectores, na loita contra a violencia de xénero.
Esta campaña de sensibilización sumarase aos actos previstos para conmemorar o 25-N, “aínda que a loita contra a violencia de xénero é unha cuestión na que temos que traballar día a día, coa prevención e educación como piares fundamentais”, indica Pilar Peón.
Campaña de Nadal
Por outra banda no encontro tamén se aproveitou para avanzar no deseño de actividades que se incluirán no programa de Nadal.