A Concellería de Medio Ambiente inicia a colocación dos novos colectores de vidro en Silleda e na Bandeira

Silleda, 12 de novembro de 2015.  O Concello de Silleda, a través do departamento municipal de Medio Ambiente, que dirixe Klaus Brey, comezou xa a colocar os novos colectores suministrados por Ecovidrio para a mellora da recollida selectiva deste material no sector das hostalería.

Na xornada de onte quedaron colocadas as novas unidades na localidade da Bandeira e mañá rematarase coa dotación en Silleda.

Con esta iniciativa substituiránse 17 colectores de vidro situados nos cascos urbanos de Silleda e da Bandeira por outros novos que incorporan o chamado sistema Vacri, para o vaciado directo de colectores pequenos mediante un dispositivo de elevación hidráulico.

Estes pequenos cubos repartiránse nun total de 46 establecementos. A medida que se efectúa o reparto, informarase tamén aos responsables dos locais do funcionamento deste sistema. Os colectores pequenos con rodas (con dous modelos de distintas capacidades, con 40 e 60 litros respectivamente),  entregaranse a outros tantos establecementos do sector da hostalería de Silleda e da Bandeira que participaron previamente na enquisa realizada dende o Concello de Silleda, e que deu pé a un estudo posterior da Concellería de Medio Ambiente para a colocación dos colectores.

 

“Estes 17 colectores colocaránse en distintos puntos dos dous cascos, en posicións estratéxicas tratando de situarse en zonas que concentren a distintos locais hostaleiros, que son os que máis precisan deste servizo”, explica o concelleiro.

O programa Horeca de Ecovidrio resulta fundamental para o incremento da cantidade de envases depositados, xa que a hostalería consume o 48% dos envases de vidro (botellas, tarros e frascos). Por esta razón, é clave informar aos membros do sector da importancia de realizar unha correcta separación dos envases de vidro en orixe.

“Aínda que se trata dun servizo para toda a cidadanía, consideramos fundamental que a hostelería do noso municipio dispoña de facilidades á hora de dar saída a este tipo de residuos”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, que supervisou xunto con responsable de Medio Ambiente a montaxe dos colectores enviados por Ecovidrio.

Reubicación dos colectores que se substitúen

Esta iniciativa, sen ningún tipo de custe para o Concello de Silleda nin para os usuarios, permitirá ao departamento de Medio Ambiente, contar ademais cos 17 colectores de gran capacidade que se substitúan en Silleda e na Bandeira, e que se reubicarán en distintos puntos do municipio, atendendo ás necesidades existentes. “Se alguén considera que nalgún punto do termo municipal son necesarios, pedímoslle que nos faga chegar a solicitude para reubicar os colectores de vidro que agora retiramos”, indica o concelleiro.