Silleda, 14 de novembro de 2015. O Concello de Silleda volve licitar o servizo de recollida de lixo no municipio. Este servizo sae de novo a concurso con importantes novidades e melloras respecto á situación actual.
O goberno municipal levará ao pleno ordinario do vindeiro xoves 26 os pregos de condicións técnicas e administrativas.
A adxudicación do servizo realizarase por un periodo de 4 anos, cun importe similar ao que rexe actualmente, de 210.000 euros por anualidade (o importe total ascende a 840.000 euros).
A principal novidade é a implantación da recollida selectiva de residuos nas parroquias do rural, un servizo que ata o de agora non existía “e quen sen dúbida algunha suporá un gran avance e mellora na xestión de residuos no termo municipal”.
Nos dous cascos urbanos continuarase co sistema de carga lateral, que se implantou hai un ano con novos colectores de maior capacidade. A frecuencia na recollida continuará igual nestes dous núcleos de poboación, con vaciado diario.
Mentres no rural, os residuos orgánicos volverán a recollerse unha vez á semana. O pasado ano como novidade ampliouse a dúas veces por semana a recollida de orgánicos no rural.
“Logo dun ano deste cambio, detectouse que unha recollida semanal resulta suficiente na gran maioría dos casos”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, polo que se decidiu volver a esta frecuencia.
Será nos dous meses de verán, en xullo e agosto, cando sí se proceda a recoller no rural dúas veces á semana, “xa que ademais da celebración da maioría das festas nestas datas de verán, por cuestión de hixiene e salubridade sí resulta necesario aumentar a periodicidade da recollida”, engade.
Ampliación en eventos especiais
Así mesmo, e en relación á frecuencia de retirada dos residuos orgánicos, os pregos establecen que a empresa que resulte adxudicataria terá que realizar a maiores a recollida en datas especiais coincidindo coa realización de festas ou eventos (un total de 4 celebracións ao ano) nos que sea preciso a intervención deste servizo de recollida.
Colectores amárelos nos núcleos máis poboados das parroquias
O alcalde resalta a implantación do servizo de recollida selectiva no rural, ata agora inexistente. “Fai anos contábamos con colectores amarelos que estaban repartidos para suplir a falta de unidades e facendo unha función que non lle correspondía. Agora por fin, o Concello de Silleda pode implantar o servizo de recollida selectiva para a reciclaxe de envases de plástico, bricks e latas, un servizo que na maioría dos concellos non existe nas zonas rurais”, explica Cuiña.
As previsións do Concello pasan por colocar estes colectores en todas as parroquias, naqules núcleos rurais de onde se concentre mais poboación. “Haberá parroquias que conten con máis unidades e outras con menos, pero todas dispoñerán deste servizo”, engade.
Campaña informativa e de sensibilización
Esta nova implantación para a recollida selectiva de residuos, que ata agora só se realizada en Silleda e na Bandeira, levará asociada unha campaña de información para os veciños e veciñas do rural. “É preciso informar das vantaxes de reciclar estes envases, explicar cómo funciona a recollida selectiva e concienciar aos veciños do rural e á poboación en xeral que canto mellor reciclemos, máis beneficios lograremos para todos, reducindo o gasto do servizo, a xeración de lixo e sobre todo cun maior respeto ao medio ambiente”, engade o alcalde.
A recollida selectiva realizarase como ata o de agora unha vez a semana nos cascos urbanos, e no caso do rural a frecuencia de recollida será quincenal.
Prestacións a maiores
Nos pregos de condicións, figuran a maiores outras vantaxes na prestación do servizo. Así, a empresa adxudicataria terá que facerse cargo da reposición “de todos aqueles colectores que están danados ou rotos”, destaca Cuiña, unha cláusula que ata o de agora non figuraba nas condicións do contrato, e que ata o de agora se asumía dende o Concello.
O alcalde destaca que o novo contrato para prestar este servizo “inclue melloras e vantaxes polo mesmo prezo que se viña prestando ata o de agora.
O Concello de Silleda iniciou a regularización do servizo a finais do ano 2013, coa actualización do padrón das taxas, un proceso que continuou coa licitación do servizo en xuño de 2014.
“Esta era unha das cuestións que máis apremiaban para normalizar un dos servizos básicos que se presta á cidadanía”, indica o alcalde, Manuel Cuíña, que tamén apunta que dende o Concello se realizou un estudo sobre a posibilidade de municipalizar o servizo, “cuestión que a día de hoxe resulta inasumible”, engade.
Cuiña lembra así mesmo que o servizo veu supoñendo nus últimos anos un lastre para as arcas municipais. “Pasamos de ter un servizo cun déficit gravísimo a poder introducir cuestións como a recollida selectiva no rural, algo que parecía impensable hai uns anos”, engade.
O Concello de Silleda tamén está a apostar pola reciclaxe de residuos orgánicos a través das técnicas de compostaxe, coa iniciación de programas pilotos que se ampliarán en vindeiras datas.