Silleda, 7 de decembro de 2015. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e a concelleira de Benestar Social, Pilar Peón, visitaron hai uns días a residencia de maiores de Geriatros en Lalín, convidados pola dirección do centro.
Os dous percorreron o edificio acompañados polo director da residencia, Alberto Rodríguez, e coñeceron de primeira man o funcionamento desta entidade, que conta tamén cun Centro de Día, neste caso especializado en Alzhéimer.
Cuiña agradece o convite realizado dende Geriatros, grupo que conta con centros deste tipo en toda España, e en particular a atención dispensada polo persoal do centro lalinense. “Aínda que é un centro con dimensións moitísimos maiores ao que crearemos en Silleda, este achegamento foi moi positivo para ir tomando contacto sobr o funcionamento das residencias e centros de día”, explica Cuíña.
O alcalde avanza que nas vindeiras semanas ten previsto visitar tamén, xunto coa concelleira de Benestar Social, outras residencias en distintos puntos da comunidade galega.
“Trataremos de coller ideas, asesorarnos, e informarnos do funcionamento das residencias e centros de día para a posta en marcha do de Silleda”, indica Cuiña.
O goberno municipal adxudicou o estudo arquitectónico Pereiras Corzón de Silleda a redacción do proxecto para construir o Centro de Día Residencial xunto ao recinto feiral de Silleda.