Silleda, 12 de decembro de 2015. O Concello de Silleda conseguiu aforrar nos dez primeiros meses deste ano máis de 15.000 euros no gasto de alumeado público. Entre novembro de 2014 e o pasado mes de outubro, a rede municipal de alumeado público supuxo un gasto de 168.378, 39 euros, mentres que no mesmo periodo do ano anterior, (entre novembro de 2013 e outubro de 2014) o gasto situouse en 183.824,35 euros.
O alcalde, Manuel Cuiña, destaca que os datos recabados polo departamento municipal de Servizos apuntan “a que se fixo un bo traballo, xa que estes 15.445,96 euros aforrados das arcas municipais corresponden só a alumeado público”, engade, incidindo que o aforro se logra “pese a aumentar o consumo polo encendido de farolas e tendo en conta ademais a suba do prezo da electricidade”, reitera.
A este aforro hai que sumar os logrados noutros servizos municipais “nos que dende a pasada lexislatura vimos aplicando políticas de contención do gasto sen eliminar servizos aos cidadáns”, apunta.
Cuiña lembra que os datos relativos ao alumeado público “son aínda máis satisfactorios, se se ten en conta que no último ano se foron prendendo as farolas que se apagaran no verán de 2012 dentro do plan de aforro, cando tivemos que apagar 960 puntos de luz no rural”, engade.
Neste senso lembra que a mayoría dos puntos de luz foron xa repostos “salvo naqueles casos concretos que estaban alumbrando a eiras de particulares ou casas totalmente abandonadas”, e agradece o esforzo “que tamén fixeron os cidadáns nos seu día, xa que pese a apagar máis de 900 farolas apenas se rexistraron 90 reclamacións, todas respostadas no seu día”, engade.
“O aforro é máis meritorio porque houbo máis consumo e a factura da luz tamén subiu, polo tanto as medidas adoptadas foron as correctas”, explica.
Cambios de potencia e inversión en 2016
Cuiña lembra que o plan de aforro enerxético no só se realizou co apagado de puntos de luz (no rural estímase que son algo máis de 3.000 as farolas existentes), senon con outras iniciativas coma o cambio de contadores ou axustes de potencia.
“En edificios públicos, caso do Centro de Saúde de Silleda, logramos aforrar ata 700 euros ao mes cambiando só a potencia contratada”, explica.
A substitución de luminarias por outras de baixo consumo e nalgúns casos –coma a renovación no casco urbano de Silleda –a instalación doutras con tecnoloxía LED tamén están detrás dos datos de aforro.
“Nesa liña queremos continuar para reducir o consumo de enerxía con novos proxectos ao longo do vindeiro ano, no que se reservou xa unha partida no orzamento de 110.000 euros para a realización de distintos proxectos de renovación de alumeado público e melloras lumínicas”, engade o rexedor.
Cuiña avanza que o vindeiro ano se agarda –á vista destes datos- un maior volumen de aforro “tendo en conta que foi no verán cando se renovaron as 120 luminarias instaladas nas catro rúas do centro urbano de Silleda (avenida do Parque, María Colmeiro, Venezuela e rúa Progreso) substituíndoas por outras de tecnoloxía LED cun aforro estimado de máis do 60%”. A estas sumáronse ademais as luminarias do primeiro tramo da rúa Trasdeza, na entrada á vila.
Unha das primeiras actuacións que se levarán a cabo en 2016 será a renovación do alumeado na rúa Ramón de Valenzuela de Bandeira, con 30.000 euros de inversións que se financiarán con fondos correspondentes a unha subvención da Deputación de Pontevedra.
“Estamos moi satisfeitos dos resultados acadados coas políticas de aforro, tanto no consumo de enerxía en alumbrado e edificios públicos coma noutros servizos municipais; un aforro que a día de hoxe nos permite disponer de fondos municipais cun orzamento histórico para destinar a políticas sociais e outras actuacións, deixando de lado as épocas de despilfarro e de gasto sin control”, engade.