Silleda, 29 de decembro de 2015. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, mantivo hoxe un encontro co deputado provincial de Mobilidade e Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, solicitado polo rexedor en días pasados para falar de distintas actuacións en vías de titularidade provincial.
“Tratamos diversas actuacións, entre elas algunhas que consideramos máis urxentes”, sinala o rexedor. Así, entre as actuacións que o goberno municipal silledense considera prioritarias figuran a urbanización do último tramo da rúa Outeiro, nunha vía provincial. Fronte a este vial construirase o Centro de Día Residencial de Maiores, unha obra que se iniciará en 2016.
Outra das actuacións é a mellora da estrada que une o núcleo urbano de Silleda coa parroquia de Escuadro por Toxa, a EP -6509., “que conta con graves deficiencias sobre todo no primeiro tramo”, indica o alcalde.
Cuiña, que agradeceu a atención dispensada polo deputado provincial responsable de obras, tamén avanzou que Uxío Benitez ten previsto realizar en breves datas unha visita ao municipio silledense, para facer unha valoración in situ destas e outras actuacións.